A renovación para cando?
Corría o ano 2005. Fraga Iribarne dirixía a Xunta de Galicia, Zapatero iniciaba mandato á fronte do Estado e Bush fillo recuncaba na Casa Branca. Neses primeiros meses, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega experimentaba a súa última renovación na Presidencia. Cesáreo Sánchez collía o mando da entidade e, desde entón, mantívose á súa fronte durante os últimos 20 anos.
Desde hai xa un tempo, somos moitas e moitos os que vemos unha necesidade de mudanza nese espazo, con saídas recentes de figuras consagradas das nosas letras ou con outras que nin sequera chegaron xa a entrar na entidade. Unha renovación que revitalice o formato das actividades e os métodos de traballo. Partindo dos galardóns Follas Novas, que non conseguen congregar na súa gala anual nin sequera á metade dos gañadores, até os procedementos a respecto dos obradoiros que se ofrecen aos concellos. Ter unha entidade que exerza de verdadeiro “sindicato” de escritores, de lugar onde se informar plenamente, é unha necesidade urxente e, sen dúbida, que ha de chegar coa renovación da directiva tan ansiada por moitos.
Outra das renovacións de hai 20 anos segue a ser a sempre presente do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Logo dunha semana máis sen coñecer avances, sen saber quen conforman a totalidade do equipo de traballo, un cronograma detallado etc., López Campos anunciaba o comezo do programa Falamos+, unha medida que se vai aplicar en 10 centros de ensino do país. De 1.300 centros aproximadamente –segundo datos da Consellería de Educación– menos do 1% van contar cunha nova iniciativa sobre o galego nun momento de emerxencia lingüística, o que non fai máis que demostrar a nula vontade de reverter a situación por parte da Xunta de Galicia.
Este tempo perdido –levamos xa medio ano perdido desde a publicación dos datos do IGE– non fai máis que reforzar as peticións de dimisión de López Campos e unha mudanza radical do rumbo establecido. Resulta insultante que se afirme que este programa, que en toda a provincia de Pontevedra só ten un centro, “responde ás liñas marcadas no Pacto pola Lingua”. Se isto é o célebre pacto, ninguén se pode sorprender dos plantóns e do enfado colectivo.
Hai tamén case dúas décadas, Pérez Touriño lograba a única vitoria socialista nas urnas da autonomía galega. Desde aquela, coa perda de Monte Pío no ano 2009, o proxecto dos da rosa foi perdendo pouco a pouco o vermello, froito do ennegrecemento que foron sufrindo as siglas baixo as loitas cainitas, a perda de poder autonómico e a taificación das provincias e do país, nun egoísmo municipalista que impide erguer cabeza ao PSdeG e que, especialmente, produce sonoros choques de trens entre sectores.
Non obstante, o liderado de Besteiro, que comezou xa con mal pé debido á caída en todos os procesos electorais, vese debilitado tamén pola propia imaxe pública que este proxecta. Emulando a Poncio Pilatos, o lucense lava as mans cos procesos de expulsións dos ‘díscolos’ composteláns, do alcalde do Carballiño etc., o que demostra a súa falta de auctoritas interna, ademais do cinismo de aplicar as mesmas prácticas que acabaron coas súas posibilidades naquel venres de Dores. Calquera posibilidade para o PSdeG pasa indefectiblemente por unha mudanza radical, alternativa que, sen dúbida, os socialistas están a esquivar mentres se tiran eles sós polo precipicio.