Remexido de escusas

Na aldea, o tempo transcorre máis a modo. Cada vez que asomamos á fiestra, sentimos o sol quente na cara, os eucaliptos a abanear gracilmente por riba da casa, as tomateiras emerxendo lentamente da terra. No poder, os tempos son distintos. Altri, a renovación da Presidencia da Real Academia Galega, o Pacto pola Lingua etc. Todos eles son noticia por acción ou por omisión, mais o que queda debaixo da terra, como as toupas, vai facendo moito máis grande o burato.

Logo de dous mandatos de Víctor Freixanes –Víctor, que non Vítor–, o temón de mando da RAG queda baleiro nun momento decisivo para a nosa lingua, aquela que han de falar os nosos fillos e netos, que debe seguir viva en todos os recunchos do país. Case nin abriran as casas de apostas cando xa todos demos por feito o que era un segredo a voces. O posicionamento de Henrique Monteagudo –quen debería tentar pronunciar "galego" e non "gallego" como fai nas aulas– para ocupar ese ansiado lugar. Porén, outros problemas pairan sobre unha Academia que segue fragmentada desde a época de Méndez Ferrín. Un deles, que leva xa un tempo sobre a mesa, é a ameaza de varios académicos de destapar os contratos presuntamente cobrados e non realizados na gramática da Academia –tarefa aínda pendente– por parte de Rosario Álvarez, un feito que denuncian persoas como Axeitos e que pode supor un auténtico terremoto na RAG e no Consello da Cultura Galega.

Tamén cobra visibilidade unha vez máis o estancamento do célebre Pacto pola Lingua, un documento que segue a destacar pola opacidade. Semanas despois da multitudinaria manifestación do 23-F, moitos seguimos agardando algunha novidade da Consellería de López Campos. Non é de estrañar que, para quen considera que o galego vai ben e que non está nunha situación de emerxencia, este pacto non requira axilidade, mais nós, a cidadanía comprometida, observamos como un idioma que está en parada cardíaca segue sen recibir as medidas de choque que se lle dan a calquera enfermo. Unha vez máis, cómpre seguir alzando a nosa voz unánime, a ollada forte e orgullosa dun pobo que non se rende, para reclamar aquilo que nos corresponde. Vivir en liberdade, coa nosa lingua na posición que lle corresponde.

Mentres o Pacto segue ancorado na inacción, outras propostas para aumentar o noso autogoberno quedan xa definitivamente desbotadas, a pesar de ser propostas hai xa 20 anos por Fraga Iribarne. A creación dunha policía autonómica propia encalla baixo a alegación popular de que agora "as circunstancias son outras". Ante derivas como esta, que fan que o país ancore e que, no medio dun debate brutalista sobre o futuro do Estado Autonómico, Galicia quede sen propostas que a igualen ao resto de nacionalidades históricas, cómpre remar nunha dirección unánime, ignorando aquilo que ideoloxicamente nos separa e buscando os anceios que si que nos unen. Estamos ante uns momentos que redefinen a España saída de 1978 e aí é fundamental a xenerosidade. A xenerosidade entre os nacionalistas de todas as ideoloxías e entre os nacionalistas conservadores para que poida emerxer un espazo de noso. Nesas tarefas habemos vogar xuntos.