Quen son os meus?

"Que non me queira de morta quen non me quixo de viva". Esta frase dunha canción de Sés ecoou na miña cabeza este domingo pola tarde, logo dunha conversa cunha muller que, até hai moi pouco tempo, tivo un comercio na vila de Cangas do Morrazo. Ambos os dous falabamos sobre o complexa que é a venda de calzado e roupa desde a irrupción das grandes plataformas, esas que o poder público deberían limitar para poder favorecer os nosos, os comerciantes das nosas vilas e cidades, os que lle dan luz á vila neses días onde o ceo se encapota axiña.

Cando ela decidiu poñer o cartel de "pechado" de xeito definitivo, moita clientela que nunca parara na tenda laiábase da desaparición dunha valente máis. Mais, onde mercaban esas persoas? Mentres falaba con ela, pensaba tamén en todas as veces nas que diferentes colectivos penetraron a porta do meu comercio pedindo unha colaboración. Comisións de festas, cross de San Martiño, cativada vendendo rifas para as excursións de fin de curso etc. Son a paisaxe urbana de todos os días, aqueles cos que contribuímos cada día para apoiar o desenvolvemento da nosa vila.

E si. Podedes mercar en Amazon, Temu, Shein e milleiros de plataformas, pero cando todo cae, cando fai falta apoio, non está Jeff Bezzos sostendo o mundo. Están os milleiros de autónomos, a Galicia que madruga. Porque os clubs deportivos, as comparsas, os colectivos, non reciben apoio desas plataformas nas que compran moitos dos seus integrantes. Reciben o noso.

A vida nas vilas e cidades depende, fundamentalmente, dos pequenos. Si, do galego ou galega coma ti, que diría Don Manuel. E, hoxe, esa pequena persoa con soños e ilusións afronta unha grave crise económica. Porque, non nos enganemos, aínda que os datos macroeconómicos sexan positivos, estes non se trasladaron á cidadanía, ao peto, a, como diría Olalla Rodil para dummies, "as cousas de comer". A campaña da roupa de outono-inverno foi manifestamente nefasta no téxtil. Mais, ti, galego ou galega que me les, tes a oportunidade de marcar a diferenza. A oportunidade de facer que unha persoa poña o cartel de "liquidación por peche" e abra unha nova fenda nas costuras da vila ou de que continúe un ano máis sostendo o delicado equilibrio que move os colectivos e as vidas.

Porque, no fondo, o debate das plataformas a nivel cidadán responde só a unha pregunta: quen son os meus? Galego ou galega coma ti e coma min, os nosos son os emprendedores que erguen a reixa cada día. Preguntaraste o porqué deste artigo. Que raro! Se este rapaz sempre critica, discute etc. Hoxe, con este texto, quero que reflexiones sobre onde vas facer todas as túas compras de Nadal, onde vas mercar roupa, se por aforrar un 5% nun libro para agasallar –que é o máximo de desconto que che pode facer o colega Jeff– prefires darllo a unha empresa multimillonaria estranxeira ou á libreira que fai gasto na vila. Diso vai a cousa. De quen son os teus.