Entre poetas e presos
Un home taciturno, hipocondríaco, rasga a folla na barra dun bar do meu concello. Dos seus auriculares emanan cancións de Dakidarría, de Grande Amore, de Mondra, de Fillas de Cassandra. Mentres diferentes notas perdidas chegan até min, reflexiono sobre todo o que nos separa. Si, ese mozo con estilo punk ten os seus aros, un corte de cabelo que eu non faría nin por unha aposta, unha tatuaxe no pescozo. Pero non, iso non nos separa.
Por desgraza, duns anos a este tempo a sociedade foise fragmentando e as novas xeracións polarizándose entre os do Bloque e os de VOX. No país semella non existir un termo medio. Bon, si, aqueles dos que xa falei hai un par de artigos. Os do niño de corvos, os que xa están mirando o vindeiro congreso das Xuventudes Socialistas para presentar un candidato compostelán e ter o control dese órgano. Porque, por desgraza, así se move o mundo. No cainismo, na bóla e no rexeitamento á diferenza.
Hai uns días, fun ao Festigal. Non concordo en case nada coa forza política que se atopa detrás do evento, mais a comprensión da diferenza é un dos poucos trazos que nos distingue dos animais. Iso e a festa. As ganas de facer tribo, grupo. A polarización da sociedade estanos levando cara a un punto de non retorno, cara a unha voadura de pontes, de racharmos o taboleiro xa non só político, senón de país. A deriva guerracivilista de derrocar o goberno como sexa, porque el que pueda hacer, que haga, e, do outro lado, desculpalo todo porque son os seus acentúan a fenda existente, rechando ese marco de convivencia democrático que tanto preocupaba no caso de Catalunya.
Portugueses son homenaxeados en Galicia e empregan o castelán, o turismo é máis importante que os dereitos básicos recoñecidos na nosa Constitución –eu fáloo porque si, porque me peta–, o galego é lingua propia salvo se lle preguntas á enquisa que a Secretaría Xeral da Lingua lanzou á sociedade –propia aparece cunhas fermosas comiñas, porque tolos estamos todos e propio é unha palabra demasiado grande para as nosas bocas afeitas a unha lingua de ferro–.
“Si te encuentro gritaré a viva voz” canta La Raíz, grupo que este xoves estará no meu concello no marco do SonRías. E semella que a área de Lingua do goberno galego non atopou a palabra “propia” no dicionario da Real Academia Galega. Ou peor, si a atopou e o conselleiro que fala castelán en la intimidad decidiu que para que, que o ghallegho éche pra cousas de andar por casa. Os e as docentes que se esforzan por ensinar o noso idioma –parabéns, por certo, á miña promoción, que fixo pleno nas oposicións– teñen por diante o reto de ensinar unha lingua estranxeira no país que a viu nacer. E, entre tanto, fomos quedando sós. O mar, o barco e mais nós.
O aspecto cerimonial das manifestacións que se convocan en Compostela non achega xa nada na presión cara a cambiar as cousas. Luns toca inglés –para saber falar de puertos e aeropuertos del Estado, que diría esa muller de Ribeira de Pequín (ou Ferreira de Hong Kong)–, martes manifa, mércores e xoves gaita e baile tradi, venres manifa, sábado Avante e domingo mani. A rutina do extraordinario matou o invento. Non hai cidadán nin medio que soporte ese cansazo. A protesta é xa parte da paisaxe. Como o turista estorbando.
Ela esquiva a todo aquel peregrino que se mete no medio, que entorpece a entrada en Raxoi ou no reitorado. Manos blancas no ofenden, dixo un home. As mans libres si. O poder facer, a liberdade de falar, de obrar, de votar no Pleno da Corporación. A intelixencia nunca se cobrou ao peso e é por iso que todos sabemos que Rosón é máis “roja” que unha caixa de bombóns de Nestle. Sabémolo nós e os votantes, que observan a realidade con ollar curioso. Nunca souben mirar o futuro. O traballo, si.