Pisando charcos
Ao meu xuízo, unha das cuestións fundamentais que deben rexer a vida política é a coherencia. Esta palabra, tan grande que, por veces, non nos colle dentro da boca, é un dos ítems que os votantes máis valoran á hora de decantarse por un ou por outro candidato –excluíndo os incondicionais, que votarían a un Trump pegando tiros pola 5.ª Avenida–. George Lakoff defende nas súas obras como “a verdade” que transmita un candidato é un dos elementos definitorios, así como que un votante pode decantarse por un político co que non concorda se os argumentos do político encaixan dentro do seu propio sistema de valores.
Estes días, unha enquisa de 40db situaba os nacionalistas por riba dos populares en intención de voto directo nunhas hipotéticas eleccións xerais. Todos sabemos que, grosso modo, os datos de voto directo adoitan prexudicar sempre os populares –existe un gran voto oculto– e é cando eses datos pasan polas célebres cociñas demoscópicas cando adquiren unha dimensión máis achegada aos datos finais. Non obstante, os datos brutos desta enquisa non deixan de achegar unha realidade: Feijóo como candidato gripa e o Bloque ascende ligado á proxección da súa líder –non dos seus candidatos–.
Cuestións como a do aborto, que é un tema que, como sociedade, está en xeral pechado e bastante fóra da xanela de Overton, dinamitan a estratexia de Xénova. As chamadas da Ayuso actual contra o aborto resultan un quebradura de cabeza para Alberto, así como unha nova incoherencia da líder popular, que se di, precisamente, liberal. Estes asuntos non fan máis que incomodar a outros baróns afastados das polémicas e que ven na estratexia de Sol unha dificultade engadida no camiño á Moncloa.
Esa incoherencia popular, así como esa incapacidade de Núñez Feijóo para dar un golpe na mesa –supostamente é o líder dun partido cunha estrutura plenamente xerárquica– danan a coherencia buscada pola cidadanía –coherencia que si logra Ayuso–. Esa mesma coherencia ou, incluso, cohesión, é a que logra Pontón, quen, convertida tamén en mártir coa moción de censura de Ribeira, consegue dar unha imaxe de unidade impropia do Bloque. A UPG, partido ao que pertence a sarriá, permanece relativamente tranquilo, mentres a súa líder desenvolve unha estratexia expansiva ao redor do culto á líder.
Esta última semana, precisamente, Galicia viviu tamén no eido local un debate público ao redor da coherencia. Foi na súa capital e, desta volta, estivo protagonizado polo ofrecemento dos populares de investir alcaldesa a Mercedes Rosón, ex edil do PSOE e edil socialista non adscrita. Desde a miña perspectiva, Verea cometeu, sen lugar a dúbidas, un erro táctico pois amosou diferentes debilidades. En primeiro lugar, desesperación. Despois, incoherencia –se Goretti non pode ser alcaldesa por ter seis concelleiros, por que Rosón había de selo con catro–. Por último, falta de tacticismo –ninguén debería facer unha oferta así publicamente sen falalo previamente coas partes ou con intermediarios–.
Ao tempo, a decisión de Rosón de rexeitar esa proposta non fixo máis que aumentar a aura que a rodea desde aquel pleno de xuño do 2024, así como contribuír a posicionala de xeito máis claro de cara ás vindeiras eleccións municipais. Non obstante, aludindo a erros de estratexia, non deixa de ser rechamante como, mentres o goberno local calaba –decisión lóxica–, o PSOE do ferrolán Aitor Bouza insistía en dar unha opinión pública que ninguén lle solicitara, amosando a súa desesperación por ocupar o espazo público. Lentamente, a imaxe socialista en Raxoi abandona o partido que gobernou a cidade e queda en mans duns edís independentes en rampla directa para o 27. Cousas da coherencia e da estratexia.