Ora pro nobis, gramática do galego
Esta semana, como xa é habitual, o Parlamento de Galicia converteuse nun punto de confrontación que non fai máis que arrastrar pola lameira a principal sede da soberanía do pobo galego. A negativa do Goberno de España de financiar con fondos do Perte a iniciativa de Altri, a polémica polos actos polo primeiro aniversario do mandato de Alfonso Rueda etc. opacaron o exercicio máis importante do ano no parlamentarismo galego: o Debate do Estado da Autonomía –ou da Nación–.
O ruído e a mediocridade estiveron servidos desde primeira hora, mentres o cadáver do Papa seguía a congregar a miles de fieis ao seu carón. Un dos principais esperpentos xirou ao redor da lingua galega, como non podía ser doutro xeito, a través do xa coñecido empeño de falar do "bo" e do "mal" galego. Se ben podería ser certo o afirmado por Paula Prado de que o importante é falar galego aínda que sexa mal –xa se sabe que a base de cortar collóns, apréndese a capar–, tamén é certo que esta premisa non a podemos aplicar baixo ningunha circunstancia aos representantes do público.
É comprensible que calquera persoa que se lanza a falar galego comece a falalo con milleiros de erros. A todos os neofalantes nos pasou e non ten nada de malo. Pouco a pouco, o idioma vaise puíndo e perfeccionando. Non obstante, este "consenso" ou "idea" non se lles pode aplicar aos parlamentarios. Igual que sería ridículo que un deputado valisoletano chegase á Carreira de San Xerome falando un pésimo castelán, tamén o é que un deputado galego sexa incapaz de falar no idioma propio cun mínimo de corrección. Tolerancia cos erros si, pero tampouco ridiculizar a nosa lingua por parte de deputados de ningún partido. Que xa se sabe… En toda casa cocen fabas e non está ninguén para ir co rotulador vermello polo Hórreo adiante.
Moitos somos xa os que cada ano imos abandonando a asistencia á gala dos Premios Follas Novas do libro galego. Paulatinamente, decidimos que o noso tempo está por riba do formato obsoleto, das actividades infumables. Non obstante, resulta rechamante unha vez máis a ausencia do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude neste acto. Tanto na presentación, á que directamente asistiu unha subdirectora xeral, como no evento de entrega. Porén, o máximo responsable da Consellería tiña a axenda despexada e, ese mesmo día, só contara con dous actos oficiais, un da súa área e outro que nada tiña que ver coa cultura do noso país: "O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistirá ao acto de balance do primeiro ano de goberno municipal [da Estrada]", rezaba o Portal de Transparencia da Xunta de Galicia.
Non é posible deixar de chamar a atención sobre a propia torpeza destes feitos. Xa non porque asista a un evento que nada ten que ver con el –xa o fixo hai unhas semanas ao ir visitar un centro de saúde, tamén na Estrada–, senón porque nin sequera conte con outro acto alternativo. É dicir, non hai escusas, solapamentos nin nada. Simplemente, desgana, apatía, indiferenza. O mesmo que denuncia a AGE día si e día tamén.