Memoria de lume
Un 17 de agosto, Alexandre (Alexandro) Bóveda regou co seu sangue quente o chan da Caeira. O seu amor a Galicia, a súa defensa da “nosidade”, o seu labor a prol do Estatuto de Autonomía ou dunha concepción do país desde o punto de vista económico –o que contrastou con xeiras de ideoloxía culturalista– fixeron que ese día quedase marcado a lume na memoria do noso pobo.
Un lume forte e poderoso como o que estas semanas arrasa a nosa nación, calcinando soños e ideas, como esas que Bóveda levou consigo para a terra. “E que importa, meu ben, que importa, se non o chego eu a ver? E que importa, meu ben, que morramos, se deixamos semente de vencer?”, canta Ses. Mais onte, mentres celebramos a ese home ilusionado, moitas e moitos galegos vían arder toda a súa vida.
Hei confesar que, como cando escoito á filla de Alexandro, estes días tiven os ollos cheos de bágoas, de impotencia, de incomprensión. Unha das persoas ás que máis quero ten a súa casa a pouco máis dun quilómetro do lume, dese que ameaza vidas de traballo e de ilusión, de montes e moreas de libros e de xatiños. Tamén teño a cabeza voando pola Seara, en Quiroga, onde Xavier e Martina desenvolven un proxecto fermosísimo para recuperar e divulgar a nosa música raíz mentres o lume se dirixe vorazmente cara a alí.
Castelao, amigo de Bóveda, dixo esa frase que inzou as redes sociais estes días: “Vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos”. As terras que arderon non eran de eucaliptais, senón de mato, un mato que se volveu na ruína económica de moitas persoas cando unha lingua grande e quente de lume e furia se ceibou nas súas casas, cortes, animais… Outro dos homes desa xeración, Vicente Risco, falaba dun tal Don Celidonio. Bóveda este ano non mereceu un conselleiro, en contraposición cos dous últimos anos, cando si existiu unha asistencia “nutrida”.
Tanto a loita contra os lumes como a defensa da nosa memoria requiren de investimento. Ambas as dúas deixan unha pegada, quer no territorio físico, quer no emocional. A ausencia da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra no evento de Bóveda resulta, simplemente, vergonzosa. Tamén a falta de efectivos do Estado colaborando na extinción dos nosos incendios. E non só deles, senón doutras comunidades que non teñen lumes de gran magnitude nestes intres. Nós sempre colaboramos, outros… “Ya tal”.
Hoxe cómpre, en primeiro lugar, mandar as desculpas cara a todas as persoas que habitan as miles de hectáreas calcinadas. Non só o ánimo, senón a petición de perdón por parte do pobo galego. Falaba no meu artigo anterior do “nicho de votos”. Ninguén se preocupa desas aldeas diminutas cuxo impacto electoral é mínimo. Pensemos nun lugar como As Guístolas, que no 2023 tiña 8 habitantes. Se chegase o lume, ardería. É a realidade, o que manca, pero pasaría.
Nada se arranxa con palabras bonitas. Só con cartos e unha aposta decidida. Apostemos polo noso, polos sempre esquecidos, polos que teñen dereito a construír un futuro sen importar cantos son. Para iso pagamos impostos. Un traballador público do meu concello insiste en que o investimento máis potente do meu municipio sería unha captación de auga no río Bispo. Non daría un voto directo, pero arranxaría un problema fundamental da vila. A prevención non dá un voto, mais salvariamos parte do país. Fagámolo posible!