J. K. Rowling ao paredón
Vivimos somerxidos nun mundo cíclico. Cada certo tempo –semanas, meses, anos– volven os mesmos debates, os mesmos asuntos ao foco público. Pódese desligar autor e obra? Podemos ter un libro magnífico entre as mans e que o autor sexa unha persoa que pertenza ao que denominariamos "escoria moral"? É máis que evidente que existen malas persoas publicando obras magníficas e que, esas obras, debido á chamada "morte do autor", non son lidas nas chaves que quen escribe desexaría. Pensemos en Hogwarts, un espazo no que, por moito que a súa autora se declare tránsfoba, o lector poderá atopar personaxes trans se así enche os ocos que quedan sempre en toda narración. Outros, cando eramos pequenos, atopamos indicios que nos levaron a concibir relacións homosexuais. Porque si, enchemos os ocos coa imaxinación da nosa cabeza e, polo tanto, co que levamos nela. Coas nosas historias e cos nosos anceios.
J. K. Rowling, autora dunha das sagas máis vendidas do mundo, financiou con 70.000 libras esterlinas o grupo que traballou para que o Supremo do Reino Unido tomase unha serie de decisións ao redor do que é (ou non) unha muller. Os titulares dos xornais foron categóricos. "Unha muller trans non é unha muller", lin por aí. O obxecto deste artigo non é, nin moito menos, entrar a facer valoracións a respecto desa sentenza, nin sequera falar das distincións entre sexo e xénero, senón falar de literatura e de política.
A tendencia cara á dramatización permanente termina provocando un efecto rebote. Para o cidadán medio –si, ese que remata decidindo o resultado electoral– resulta abafante vivir nun mundo no que presuntamente todo está mal. Pensémolo dun xeito pragmático. Despois dos nosos problemas laborais, económicos, vitais, familiares etc., non buscamos seguir abafados por máis cuestións. Necesitamos momentos nos que as dificultades desaparezan. Non é egoísmo, é saúde mental.
A tendencia cara ao "todo mal" ou "todo ben" impregna múltiples espazos e marca directamente a acción política dos partidos. Cando a oposición –a do Goberno autonómico ou a do Estado– vende que todo está fatal, que o país arde, a xente tende a non crer a súa palabra. Porque cando todo é un drama, nada é un drama. E cando chegamos a eses extremos, a xente adoita desconectar e evadirse deses feitos. Especialmente cando o histrionismo forma parte do debate público ou cando as palabras grosas se entretecen nunha conversa, como estas que encabezan o meu artigo, que escoitei, precisamente, antonte.
Nun debate que mantiven estes días, unha persoa dicíame que era importante facer pedagoxía. É un feito obvio e evidente, mais, como en calquera mensaxe, se o receptor te obvia, non hai comunicación posible. E é por iso que pedirlle á xente que se posicione permanentemente, que faga un boicot permanente, é un esforzo que remata en auga de fregar. Porque as persoas terminan cansas desa sobredimensión de absolutamente todo e, nese proceso, o importante, o relevante, queda mesturado entre milleiros de cousas.
Sacaba Ledicia Costas este domingo un artigo que resumía a situación, que abordaba moitas das cuestións que rodean nos últimos anos a Rowling. Un texto marabilloso no que a viguesa daba a súa opinión e poñía negro sobre branco. Iso si, sen entrar en extremos como o de censurar directamente que alguén lea a Harry Potter. Porque, cando isto ocorre, as persoas pasamos á seguinte historia ou publicación e seguimos evadíndonos da vida real.