El inglés te me tiene glam

Hai uns días, o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) chamaba para facer unha consulta. Aproximadamente dez minutos nos que me preguntaron pola participación de Israel en Eurovisión, o día do Orgullo e, sobre todo, a miña intención de voto. Despois virá a cociña de Tezanos, pero, polo camiño, varias preguntas foron asomando lentamente.

A vida avanza e, do mesmo xeito, a paciencia e a desafección da cidadanía cara á política e, manifestamente, cara aos políticos. É inconcibible que nun Estado social e democrático de Dereito –segundo a definición da Constitución Española, sacrosanta salvo cando non interesa de todo– esteamos vendo, día tras día, o menoscabo dos nosos dereitos. Entre eles, o dereito a falarmos na lingua que nos peta e dá a gana.

Os meses seguen pasando e velaí vai. Velaí vai avantando. O conselleiro de Lingua, bo mozo e gharrido, aparece en cada acto oficial sabendo que o traballo sobre o fío que nos conecta cos nosos devanceiros segue aí, parado. Hai case un ano que o Goberno galego tivo acceso aos datos do IGE. Un ano é tal mundo cando o idioma se descompón e retorce sobre as mans dos que o sostemos que, sen dúbida, a parálise é entre un insulto e un lavado de mans que deixa quedar Poncio Pilatos como aprendiz.

Cada vez que unha nova sobre lingua sae publicada nos artigos de calquera xornal, a sección de comentarios énchese dunha combinación entre esquizofrenia e xente ben intencionada que pretende debater con eles. A pedagoxía resulta esgotadora. O silencio autonómico tamén.

"La Constitucion dice que los españoles tenemos derecho a usar el castellano (español) y por lo tanto no se pueden aplicar medidas que restrinjan tal derecho. Por otro lado no comprendo porque hay que tomar medidas para aumentar el uso del gallego ya que no es necesario y a lo sumo puede entorpecer mas que beneficiar. Lo importante es que tengan derecho a usarlo los que quieran hacerlo, pero nadie tiene que verse obligado a usar el gallego si no quiere" e "No teneis remedio. Una lengua inflada se combierte en una lengua zombi. Solo falta que exijais que el Depor tenga tantas ligas como el Real Madrid. Una lengua es una herramienta de comunicación y como herramienta es infinitamente mejor el castellano que el gallego y eso no lo dais asimilado. Lo que tiene que haber libertad para que cada uno use la lengua que le de la gana y cada uno ya encontrará las limitaciones. El próximo paso sería exigir ir a misa al menos una vez al año para que no se pierda el cristianismo. Eres un devoto del gallego como otros son devotos de Cristo con la diferencia de que los devotos de Cristo no te exigen a ti que tambien lo seas" foron dous comentarios que deixaron nun artigo meu de opinión.

Se hai unha cuestión democrática é, sen dúbida, a estupidez. Tócalle a calquera, sexa da idade, ideoloxía etc. que sexa, sen que importe nada. Os devotos de Cristo levan parte dos meus impostos –eu concordo en que o poidan facer– e, por ende, o meu idioma ten aínda máis dereito. Porque falamos diso, da mentira. Do que se finxe. De que parece que o castelán non recibe investimentos. "Sólo (o til está financiado por Pérez Reverte) te es un poquito de calderilla". Pero se miramos o PERTE das linguas, é dicir, os cartos que entre todos nos damos, o castelán vólvese unha lingua hiperfinanciada! É malo? Non. Pero os galegofalantes queremos os mesmos dereitos. Porque, senón, a igualdade do Estado quebra. Porque nos discriminan. Dio o BOE.

Desde aquí pódome preguntar se estas persoas pensan que non se fai un investimento económico para promocionar o castelán, se pensan que moitos dos castelanfalantes o son por simple obra e graza do Altísimo ou canto determina, desde a súa perspectiva, a "utilidade" dunha lingua. Desde aquí, animalos a que falen inglés. O idioma dos papers, das institucións globais, do mercantilismo… Avante toda! Se é por "utilidade", abandonen o castelán, que non che vos ten tanto ghlamour.