Gaivotas

Unha gaivota patiamarela voa, allea a todo, por riba de Casa Checho. Ela non entende de carnés, de cotas, de auga potable na casa ou de luz eléctrica. Dun só golpe, o pincho dunha mesa esfúmase. Non é estraño nun espazo coma ese. A veciñanza aprendeu a convivir co medio. Os turistas, non.

Desde hai varios anos, unha das partes máis importante da Illa está a rebelarse contra determinadas accións, contra aquelas persoas que están a dificultar a súa pervivencia en Ons. A veciñanza, con máis moral ca El Alcoyano, pelexou e pelexa por aquilo que é xusto. Que as casas que durante xeracións pertenceron á súa familia sexan da súa propiedade. Que teñan acceso á electricidade e á auga. Que poidan ir ás súas terras como donos, non como turistas. Pero as gaivotas, voraces coma se tivesen diante unha empanada de millo de Casa Acuña, lánzanse, áxiles, sobre os soños, as ilusións, os dereitos. Si, os dereitos. Eses que nós gozamos comodamente.

Os nosos dedos trazan un paralelismo no aire, debuxando unha liña de puntos entre o Centulo e Fedorentos. Acender unha luz en África non é posible. En Europa disque si. Mais, lugares coma Ons seguen ancorados nese tempo no que a electricidade é un ben valioso. Porque o botón, a determinadas horas, non funciona. As gaivotas levaron o tendido.

A palabra dada, para animais pícaros como unha gaivota, moitas veces non serve de nada. A comida pódelles. E, coma urraca solta, levan todo o que atopan. E nunca o devolven. Este xoves, Ángeles Vázquez visitou a Illa de Ons ignorando, unha vez máis, os habitantes, os donos lexítimos do espazo [nota para o lector despistado: a Illa de Ons, incluídas as súas casas, é da Xunta de Galicia]. Os acordos plenarios non importan para algunhas persoas, tampouco os compromisos. E así, mes tras mes, ano tras ano, desde un lamentable 2019 no que se restrinxiu o seu acceso ás vivendas, a veciñanza de Ons vén reclamando o mesmo. Ser tratados como veciños e donos do lugar que habitaron os seus antepasados. Ningunha tolemia, non?

A gaivota continúa a peteirar, con tesón, na moral dos habitantes. Pero a xente da Illa sempre foi coñecida por rabuda e 'renderse' non é unha palabra que se encontre dentro do seu dicionario comunitario. Si 'traballar', si 'defender o seu', si 'non achantar'. Estas si que son cousas que coñecen e que fan que a veciñanza poida presumir, orgullosa, de ter a Illa nas mans –e no peito–.

Como unha espiña cravada nel, as demandas e reivindicacións continúan. Os Plenos da Corporación falan máis da Illa ca nunca. Precisamente, o vindeiro órgano colexiado abordará reprobar a Ángeles Vázquez. Si, a unha conselleira. A proposta, que presentei hai apenas tres días, precisa de máis votos a favor que en contra para saír adiante. É dicir, precisará, salvo xiros de guión, do voto favorable de BNG e PSdeG, partindo de que o PP votará en contra. Nunca se sabe. A gaivota pousa sobre un con e outea, con ansia, todas as mesas das terrazas. Busca unha nova presa. Un anaco de empanada, de tortilla ou de ilusión.