Desgastar o zoco

En outubro de 2021, a por aquel entón senadora pola provincia de Lugo, Rosa Arza, a quen eu viña de coñecer, comentaba nunha comida na capital galega como un bo político precisa desgastar os tenis cada día, estar sempre ao carón dos veciños e, especialmente, co teléfono en man para solucionar ou axudar en calquera queixa ou necesidade. Aquela conversa, producida cun grupo de 6 rapaces máis, quedou aparcada nalgún punto do cerebro ao que, cando fun elexido concelleiro, volvín.

A política local, moitas veces deostada pola apariencia do cobro –hai moitas persoas que seguen pensando que os edís da oposición dun municipio de 12.000 habitantes cobramos un salario público–, é, sen lugar a dúbida, o punto máis fascinante do facer. Este mesmo sábado iniciei unha campaña na vila, ‘Fronte a fronte con Daniel Chapela’, coa que aspiro a percorrer o municipio e falar directamente, de ti a ti, sen filtro. Sempre hai que poñer a cara. Unhas veces partirancha e outras non.

Ultimamente reflexiono moito tempo sobre a importancia dese contacto continuo, de ser un ‘Galego coma ti’. A veciñanza non require grandes obras. A promesa dos mausoleos políticos quedou, grazas a Deus –y la Xunta, que diría unha alcaldesa de Valdeorras–, desterrada á política doutros tempos. Bancos, luces, baldosas, beirarrúas, rozas, asfaltados e escoita son as peticións principais tanto en Bueu, Santiago de Compostela ou na Cochinchina. Nun medio co que colaboro asiduamente, como é o Ferrado, Pablo Diego reflexionaba hai meses sobre a importancia que ten a política –e os políticos– de capilarizar e entroncar coa sociedade á que aspiran a representar. E é que, se es un “amarga’o” que bota broncas por cantar O Caneco, evidentemente non tes posibilidades de lograr unha vitoria electoral.

Un galego coma ti é un autónomo, un traballador de Stellantis, un pescador etc. Perfís como os funcionarios A1 da Xunta de Galicia, fillosdalgo incapaces de comprender os problemas da veciñanza etc., son, sen medo a confundirme, candidatos que nacen practicamente mortos, pois a sociedade non será capaz de identificarse con eles. O traballo que requiren é o da maquillaxe política e unha moi boa dose de azar, pois son persoas, xeralmente, con dificultades para tirar un par de zapatos ao final dunha intensa campaña electoral.

Ademais, o problema dese tipo de perfís é sempre o mesmo. Notas de prensa, fotos bonitas, pero pouca rúa. Sempre me dixeron que as vendas se pechan nos bares e restaurantes máis ca nas tendas. As eleccións tamén se gañan aí. Nesa barra de bar na que o candidato ou os edís van escoitar os problemas reais da veciñanza. As preocupacións que enchen as sobremesas, lonxe das comunicacións críticas cos recoñecementos extraxudiciais de crédito, informes etc. Palabras, en definitiva, que non transmiten para a inmensa maioría.

Os nazis, quen, como demostra a historia, conseguiron unha forte aceptación social na Alemaña dos anos 30, tiñan como un dos seus principios comunicativos que “toda propaganda debe ser popular, adaptando o seu nivel ao menos intelixente dos individuos aos que se dirixe”. E, por desgraza, esta é unha realidade en política. De nada serve traballar horas e horas, vivir inmerso nun mar de papeis se, cando saes á rúa, ninguén entende do que falas. Porque, ao cabo, a política local é desgastar zoco e, sobre todo, que te entendan.