De hoxe nun ano
O 19 de novembro de 2024 abandonei o meu cargo como coordinador de Cultura do PPdeG. Curiosamente, a decisión foi tomada de xeito definitivo o 17 de novembro, dous días antes, polo que hoxe se cumpre un aniversario que me gustaría aproveitar para falar do que cambiou, do que non e desas sensacións que dá a política vivida desde fóra, desde un non-lugar. Este medio titulou a noticia como “Dimite o coordinador de Cultura do PPdeG con críticas ao conselleiro: "Incorporou un novo equipo claramente incompetente"”. Europa Press, quen deixou caer a noticia en medio dunha sesión plenaria do Parlamento de Galicia, dixo “Dimite el coordinador de Cultura del PPdeG con críticas a la "incompetencia" del conselleiro López Campos”.
Hei de recoñecer que, desde aquel día, non houbo un só intre no que me arrepentise da miña decisión. É máis, alégrome de ter esa liberdade de representar a veciñanza libremente, sen ataduras. Mais, desde que comecei a escribir neste medio –feito que agradezo, pois amplía horizonte–, recoñezo unha cada vez maior incompresión cara ao culto a un líder. Unha, perdón. Nunca entendín a beatificación, e a sacralización de Ana Pontón é algo que me resulta incomprensible. Non porque faga mal o seu traballo –aí estarán os seus votantes para xulgala–, senón porque a identidade do BNG se dilúe ante esa política.
Se o Bloque é Pontón, a marcha de Pontón implicaría un forte dano para o Bloque. É por iso que carece de sentido a identificación plena de partido e imaxe. Porque a falta da imaxe deixaría outra vez o BNG ante unha nova travesía no deserto. Tamén… Como será un PSOE post Pedro Sánchez?
O desencanto da cidadanía coa política tradicional é o paso lóxico após o fracaso de calquera política emprendida nos últimos 30 anos a nivel estatal ou autonómico. Ismael Ramos reflexionaba hai un tempo nun artigo para eldiario.es sobre o timo que resultou a promesa europea. E si, por moito que foda, somos da xeración que vive peor ca os seus pais. Chámannos xeración de cristal porque rachamos. Mais eu considero que somos a xeración que non acepta ser imbécil para ter futuro. Porque hoxe as circunstancias non se asemellan en absoluto ás que viviron os meus pais (nados no 74 –ela– e 77 –el–).
O acceso ao gran timo universitario ralentizou a incorporación ao mercado laboral e a fermosa expresión “con experiencia” deteriorou tamén ese acceso. Porque, francamente, quen lles fala traballou 14 horas diarias, 6 días á semana, e con mil euros que cobrou non se paga un piso hoxe en día. Moito menos crear unha familia. Cando o meu proxenitor tiña a miña idade, entre soldo e extras, pagaba ese piso amplo de 30 millóns e aínda aforraba algo. Hoxe, pedimos papas e avais bancarios.
Dun tempo a esta parte, creo que eses líderes de calquera dos partidos desconectaron da realidade de moitos de nós. Dos autónomos que erguemos a verxa, dos empregados das multinacionais, dos desempregados que queren construír un futuro. Cada día que continúo como edil independente –ou non adscrito, para coidarme da crítica polo nome– son máis coñecedor de moitas das frustracións básicas da poboación normal (do galego coma ti). Mentres escribo estas liñas, penso noutros concelleiros sen partido, como os expulsados en Compostela do PSexdeG –Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez–.
Que ben se está sen ataduras. Co compromiso veciñal como único lazo. A sacrosanta Constitución española brinda os representantes públicos unha liberdade dentro dos partidos que nunca se desenvolveu realmente. Pero hoxe é a única vía de escape. A que non se somete ao cálculo, á disciplina. A que permite decidir en base ao interese xeral e directo. Por iso, hoxe, un ano despois, sopro as candeas do aniversario. Parabéns!