As costuras no territorio

Desde que comezou o xenocidio en Gaza, a Unión Europea avanzou inexorablemente nun proceso que levaba xa tempo xestándose: amosar as súas costuras, demostrar que o proxecto europeo é, por momentos, un mito e proclamar que Bruxelas é a sede de absolutamente nada. Non se trata, obviamente, de ser euroescéptico. Non o son. Acredito na importancia dunhas institucións fortes que nos axuden a ser actores no plano internacional e interno, que melloren a vida dos cidadáns da Unión e que, ao mesmo tempo, fagan algo de utilidade polo resto do planeta.

Un meme dun can chega, cada certo tempo, a través das redes sociais. “– Que bonito can! –Chámase UE –Podo acariñalo? –Claro, non fai nada!”. Desgraciadamente, esta é a situación que ocorre todos os días ao respecto de dous territorios que nos quedan lonxanos e á vez tan próximos: a franxa de Gaza e Ucraína. As bombas de lume que se ceiban cada día sobre o territorio gazatí, coa complicidade inestimable dos EUA, debería ser un aliciente para que Europa se poña do lado dos dereitos humanos, de defender a importancia da vida de calquera persoa, sen importar en que lugar do globo nazan.

A Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores, a ex primeira ministra estoniana Kaja Kallas, falaba esta fin de semana de “frustración” por non poder “facer máis”. A vida devén nunha traxicomedia cando se len declaracións coma esta. “Facer máis” cando, simplemente, non se fixo nada. A terceira economía do mundo senta cos brazos cruzados mentres milleiros de crianzas morren, directamente, de inanición. O lume devora as súas vidas mentres o estrondo das bombas se converte nunha música de fondo constante.

O lume avanzou tamén pola provincia de Ourense totalmente descontrolado, demolendo vidas enteiras. A apertura do curso político este domingo na carballeira de San Xusto levounos unha vez máis á sobreactuación, á política dos balóns fóra, a todos son malos menos eu. Mentres seguimos agardando a dimisión da conselleira de Medio Rural, cómpre que o Parlamento de Galicia e os catro partidos con representación na Cámara que garda –pero non exerce– a nosa soberanía como pobo se poñan de acordo ao respecto da xestión do noso monte. Utópico, non si? Mais é fundamental que desde a Xunta de Galicia se dote aos municipios dos recursos humanos suficientes como para garantir que os propietarios manteñan limpas as súas parcelas, é dicir, a contratación de técnicas e técnicos de medio ambiente que faciliten as inspeccións e, polo tanto, que contribúan así a mellorar o estado do monte, así como que se deseñe unha liña de actuación autonómica tendo en conta a nova realidade na que estamos inmersos cos incendios de sexta xeración.

Incendios que, despois de fracturar Valdeorras, as Terras de Caldelas e de Trives, Verín, desprazan, nun erro maiúsculo, o foco de atención cara a unha manifestación en Santiago de Compostela, unha mostra de (ego)centrismo que reforza perspectivas como as que defende Jácome desde Democracia Ourensana. Por desgraza, unha manifestación galega fóra do territorio afectado –que demostrou estes días a súa mobilización para esixir que se apague o incendio do vertedoiro da Rúa, unha actuación na que a Xunta de Galicia lavou as mans– non fai máis que alimentar a idea dun Ourense que é a “cincenta” de Galicia. É por iso que se fai fundamental repensar ese modelo no que todo pasa por Compostela para descentralizar non só a Administración, senón a permeabilización humana no territorio.