Botar a lingua a pacer

Desde hai meses, non hai semana en que as linguas españolas que non son o castelán estean ausentes da prensa e do debate político. Por unha banda, a debilidade do executivo que forzou aos de Sánchez a defender a oficialidade de galego, catalán e éuscaro nas institucións comunitarias –medida imposta polos nacionalistas, igual que a Aznar lle fora imposto polos de Pujol, no célebre Pacto do Majestic, a ratificación da Carta Europea das Linguas Minoritarias e Rexionais–. Pola outra banda, os datos catastróficos sobre o galego, que deixan o idioma do país ao carón do precipicio, acostumáronnos xa a un constante ir e vir de cargos da Consellería de Lingua. Declaracións, eventos, chiscadelas etc. Pero, ante todo, opacidade e unhas pontes moi voadas.

O pasado martes, a UE debía decidir a respecto de se as linguas oficiais que posúe o Estado español son igual de válidas á hora de falar nunha institución que nos representa a todos. Se o "patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección" o é para estar nun museo ou para estar nas bocas de todos nós. A votación, que require de unanimidade, quedou, unha vez máis, posposta. Ao tempo, coñeciamos que o PP de Feijóo fixera diferentes manobras para que os socios europeos votasen en contra da proposta, algo que recoñecían desde o PP catalán, aludindo a que se está a facer "un uso político" das linguas. Como no 96, como no Majestic. Porque pactar implica facer cousas que non farías. Por votos.

A realidade galega non axuda, en absoluto, a estabilizar unha caída de falantes que parece non ter fin. Só un nicho bonito con vistas á ría para o idioma, se Deus quixer, dos nosos fillos. Un alto cargo da Xunta de Galicia declaraba o 25 de maio que "o problema coa lingua non se soluciona porque as matemáticas se dean en galego". O primeiro que se pregunta calquera é se dar as matemáticas en galego xeraría, entón, algún prexuízo. A resposta, como é obvio, é que non. E, especialmente, porque como non solucionamos a situación do galego é prohibindo as matemáticas no noso idioma.

Un perfil de X comentaba nunha publicación que fixen, compartindo a Ledicia Costas, que "estamos a limitarlles a súa liberdade impedíndolles ter un bo nivel, así non se poden sentir cómodos falándoo". E velaí está a clave. En que a "liberdade de escolla de lingua" é, xa non unha utopía, senón un imposible se a rapazada non parte dun grao de coñecemento da lingua propia relativamente elevado. Como te vas animar a falar nun idioma que descoñeces? Vas cambiar unha lingua que dominas por outra que non? Vas falar galego cando todo o que recibes está en castelán? E aí, unha vez máis, o IGE, que nos di que un terzo dos nenos e nenas do país non saben falar galego. Esa porcentaxe é, grosso modo, uns potenciais falantes perdidos. Non van renunciar a aquilo que dominan e que lles dá prestixio pola lingua que descoñecen e que é obxecto de ataques constantes.

Un dos temas no centro da polémica reside na inmigración. Precisamente, desde a SXL culpouse directamente as persoas que chegan a Galicia da caída do uso do galego –todos sabemos que os galegos de millonésima xeración de Vigo falan un ghallegho que dá ghusto–. Onte, domingo, eldiario.es recollía unha nova sobre "¿Se puede vivir 100% en catalán? Estos hablantes quieren demostrarlo", na que diferentes inmigrantes comentaban a súa vontade de falar catalán, as dificultades para animarse e demais. Unha situación que, sen dúbida, se podería mellorar con formación. Formación como a que ofrece a Deputación de Pontevedra para estas persoas. Ah, pero só se oferta para aprender castelán. Normalización, chamóuselle.

Ao serán o Pleno da Corporación Municipal de Bueu debaterá unha moción presentada por min sobre a lingua galega. Un texto sinxelo, pero que toca todas as administracións con competencias directas. Aplicar o PXNLG especialmente no ámbito educativo, sanitario e xudicial. Cumprir co Plan e, polo tanto, derrogar o decreto 79/2010. Deseñar unha ordenanza de usos lingüísticos. Aumentar a colaboración con entidades como RAG. Etcétera. Propostas todas elas razoables, comedidas, básicas. O cerne de onde debe saír unha política verdadeiramente ambiciosa. O PP de Bueu xa votou en contra da proposta na comisión, polo que depende de BNG e PSdeG para que saia adiante. A realidade, coma sempre, depende dos votos. Dos das investiduras, parlamentos e plenos municipais.