Ao monte como cabuxas

Unha mestura entre aburrimento e preocupación invade as mentes das persoas sensatas e demócratas que habitamos Galicia, especialmente as daquelas persoas que nos definimos como de centrodereita. Os ataques desta mesma semana por parte do PPdeG á Universidade da Coruña e ao seu reitor, Ricardo Cao, representan un paso máis do partido do goberno nun camiño de ida cara ao trumpismo político. Non en balde, o partido presuntamente defensor das institucións e do sentidiño vén de procurar minar a independencia das institucións universitarias, que gozan de autonomía para actuar.

Carlos San Claudio, edil coruñés centrado no que lle importa e lle afecta á gran maioría de cidadáns da cidade, decidiu iniciar a semana pasada cun vídeo importantísimo e urxentísimo falando do prioritario. Non foi sobre a vivenda, tampouco sobre o emprego para a xente moza ou sobre o futuro do galego na cidade. Nun perfecto castejano aludiu a aquilo que ameaza a supervivencia da cidade: a falta dunha bandeira de España na UDC e a existencia dunha bandeira palestina. Podería ser unha simple broma de mozo aburrido que cobra un soldo a cargo do erario público, pero non.

Mais, o preocupante non é que un fillo de papá da elite coruñesa pinte a mona diante dunha cámara, senón que ese discurso antisistema –porque si, é antisistema atacar as institucións– sexa defendido polo voceiro parlamentario popular, Alberto Pazos ‘Cuñado’. Ese ariete contra a UDC explícase tamén logo da demanda da universidade de reclamar unha facultade de Medicina propia. Esta incomodidade que a UDC xera entre os populares xustifica a escolla de Rueda Valenzuela de se decantar pola cidade ‘onde naide é forasteiro’ para conceder unha entrevista ao grupo Prensa Ibérica.

Manobras como a retirada de competencias á Valedora do Pobo, a adscrición do IGE á Presidencia da Xunta de Galicia ou o acoso a Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e representante da vella boina, non son simples ocorrencias dun concelleiro con menos luces ca unha narcolancha. Son parte dunha estratexia clara de modificar as formas e o fondo para evitar a fuga de votantes pola marxe da dereita, duns votantes, en xeral mozos, que hoxe en día se están adentrando cada vez máis na dereita, como publicaba o dominical de El País. Tamén de manter o control e o poder a toda costa, sen importar o feito de que, no momento en que o PP perda a Xunta –algún día pasará, pois todo sistema colapsa–, estes cambios volveranse en contra dos populares.

É unha evidencia a antidemocratización da cúpula popular, con perfís como os de Pazos ‘Cuñado’, que transitan entre a indixencia moral e a mental –que tempos en que o voceiro era Pedro Puy Fraga, co intelecto dun vello profesor!–. Mais, o que resulta preocupante é a eliminación de calquera tipo de contrapeso interno, de forza galeguista, moderada e culta co interese de modernizar o país sen atacar unha universidade ou sen eliminar un sistema de goberno que, noutro tempo, defendou. Porque hoxe, a inmensa maioría dos cargos están botados ao monte, como as cabuxas.