Vivir xuntas

A miña amiga Antía ten unha casiña nun alto dende o que se ve o mar. A postal que ofrece é a pequena porta de madeira da horta coa ría detrás, como se unha fose dar un mergullo só con abrila. Un recuncho de liberdade que herdou da súa avoa e que agora desfruta, cando pode, coa súa pequena.

Non estamos soas, estamos xuntas. É a frase dunha nena que as catro adultas repetimos con máis frecuencia da que nos gustaría. Ás veces podemos pronunciala baixo o soportal do galpón mentres compartimos unha botella de viño. Facémolo con menos frecuencia da que nos gustaría.

Dende a primeira saída ao mundo, con 17 anos, estiven perdida. Tardei tempo en chegar a construír relacións fortes coas amigas sen que outras estruturas se volvesen sempre prioritarias. Cada vez estou máis certa de que alguén teimou –e aínda teima– en impedilo. Por iso turramos, nesa casa que é como un cuarto propio, para poñernos por diante, e porfiamos en vivir xuntas cando sexamos vellas.

Hai algo extremadamente poderoso na amizade entre mulleres que transcende todos os puntos. Ten flor, mesmo rebentando as gretas, como escribiu Luísa Villalta. É unha paixón entre estrañas, como a describe Marina Garcés, sendo o amor á estrañeza un ben necesario para o futuro da Humanidade.

Imaxino a Penélope tecendo e destecendo coa axuda de outras. O tempo pasaría doutro xeito, máis vivindo que agardando. Quizais Odiseo pasara a un segundo plano para dar paso a unha historia universal da amizade, correndo o tempo ata o infinito nunha maxia máis fraternal que divina.

De nena participei na obra teatral Asemblea de mulleres, unha peza de Aristófanes que inventaba, para ridiculizalo, un mundo gobernado por mulleres unidas. Medrei dándolle voltas a como mudaría a historia se a tivese escrito unha muller. Rosa Montero reflexionou estes días sobre mulleres que viven xuntas, maiores e inter-coidadas, sobre convivir con amigas e saír con amantes. "Vale, é unha broma... ou quizais non tanto". Non tanto, abofé.

Nós gardamos a fantasía da convivencia entre amigas. Algúns chámano cohousing ou coliving na súa versión sénior. Unha suposta utopía que, porén, enfronta con forza o lucrativo negocio do illamento ata a morte. O que temos enriba, nin máis nin menos, para quen poida pagalo, ou cargar ao lombo cos coidados. Quen coida a quen coida? As amigas, abofé. Vivir xuntas. Poñer Ítaca na ría de Vigo.