Viva o maldito xornalismo

"En toda Europa, eh?". Ela mírao, pensa un intre e responde: "Si, xa o sei". Non, ela non podía sabelo porque iso que o colega lle estaba a contar era unha mentira. Foi unha das trolas que se estenderon nas primeiras horas do apagón do 28 de abril, que non afectou todo o continente, senón a España, Portugal e o sur de Francia. A medida que o tempo pasaba sen electricidade, os boatos propagábanse mentres os medios informativos trataban de buscar explicacións sólidas e contrastadas.

As trincheiras que non se crearon nas rúas polo pánico formáronse nas redaccións dos xornais e nos estudios de televisión e radio. O transistor, o das pilas, virou nun ben de primeira necesidade, como no 23-F, pero por causas distintas. Estabamos a escuras. E o xornalismo, o maldito xornalismo no que xa ninguén cre, foi os nosos ollos na escuridade. Quizais pola lección recente da DINA en Valencia fomos máis conscientes de que a mentira ten as patas curtas, pero corre coma un lóstrego, e o xornalismo pode non ser rápido, pero si mellor.

Este xornal non puido saír en papel o martes, mais o seu equipo traballou arreo para mantelo vivo na rede. Amizades e compañeiras esparexidas polos medios do noso país, como contou Belén López no caso do Diario de Pontevedra, seguiron traballando ata altas horas, buscando conexión, espazos hábiles de traballo e outra rede fundamental, a das profesionais que empurran para que a noticia saia e que as dinámicas de hoxe tenden a aniquilar. Dinámicas que, cómpre lembralo a teor deste 1 de maio, son o resultado da precarización do oficio e das persoas que o fan posible. Se o xornalismo está maldito é pola maldición que lle caeu enriba.

As compañeiras e compañeiros da prensa local recuperaron ata o impensable: a noticia escrita nunha libreta, ditada por teléfono. A rúa, que cada vez se pode pisar menos. Procuraron, en definitiva, os recursos que tiñan, e os que non tiñan, para seguir a insuflar vida a través da prensa local. Ese ben, tamén, de primeira necesidade. Seguramente non lles poñan cara, pero cómpre poñerlles máis atención.

Unha lembranza para o que vén: que non nos esqueza que hai xornalismo porque aínda quedan xornalistas. Aínda que ninguén nos queira. Aínda a pulso, polas cabezas visibles que no nome do oficio escolleron facer outra cousa. Como se adoita dicir: "O xornalismo está morto. Viva o xornalismo". Viva o maldito xornalismo.