Unha pota de caldo
Bañouse no mar fronte ás Cíes. El, que ten frío invernal nos solpores bergantiñáns do verán, enfiou cara á beira como un kamikaze mentres eu, na toalla compartida, agardei que axiña dese media volta. Quedei durmida ata que o sentín chegar. Volveu mollado e incrédulo. “A auga está quente”. Toleou.
Enfiei a segunda quenda. Uns segundos de ollada ao horizonte antes da decisión do primeiro paso. Non houbo coitelos nos pés. Non houbo porcións de corpo, movemento en punta, ombreiros no alto nin boca obtusamente aberta. Lanceime ao mar como unha serea, sentíndoo o hábitat natural de quen foxe da superficie hostil. O friorento non toleou. A auga está quente. As algas verdes, densas, acrecentaron a sensación, morna e fresca a un tempo. Quixen quedar para sempre. Demasiados días coa tensión a estourar polo baixo.
Pensei na auga de Baiona como o caldo de nabizas que facía a avoa na pota vermella escura. As pedras do fondo como as patacas, as algas como a verdura, o mar, remol líquido que todo o condensa. Xa tivera ese pensamento antes. Ladeira semellaba Peguera, a miña praia de retiro nas Baleares. Deus, canto marcaría o termómetro hoxe en Peguera.
Lembrei a Posidonia, un dos organismos máis grandes do mundo, planta oceánica xigante que me acariñou nos anos que vivín no Mediterráneo. Tan fundamental como ameazada, vai a menos polas inclemencias do clima e a invasión de dentro e de fóra. Pradaría de hábitat e refuxio, a súa saúde ecolóxica está seriamente comprometida e, con ela, a de tantas outras vidas. A vida baixo ameaza. A vida en regresión.
Mentres escribo, o aire frío do ventilador alíviame a dor de cabeza. Sinto a vasodilatación –pum, pum, pum– despois de días de asfixia. As preguntas van atopando resposta: a boia da illa de Dragonera marca 30,55 graos centígrados. Nunca superara os 30 nun mes de xuño, e a súa máxima foi de 31,87. Foi en agosto, hai once meses. “Quina calda”, diciamos no Mediterráneo cando a calor apertaba demasiado. Son un caldo, penso cando poño un pé fóra da casa e as pingas de suor escorregan pola cara, polo peito, polo lombo.
Non sei se seguimos a ser o refuxio climático que nos venderon. Temo que a tendencia oriental se transfira a esta outra beira. Canto tempo seguirá este mar o suficientemente quente e fresco para darnos un respiro? Canta vida é posible nunha pota de caldo?