Reaccións

O avance da ciencia vén de corroborar unha hipótese longamente sospeitada: as plantas reaccionan ao canto dos paxaros. Non oen, pero senten. As vibracións do son aviario penetran na flora e estimulan o seu crecemento, como fan a luz, a terra ou a auga. Non é este o único fenómeno natural fascinante. Teorízase, por exemplo, sobre a capacidade do canto das baleas para sincronizar a manda na procura do benestar colectivo ou coordinar as migracións, tan importantes na era dos varamentos.

Non todas as reaccións son pracenteiras. Descubrín que algúns tipos de avelaíña son capaces de enganar colmeas enteiras con feromonas, facéndose pasar pola abella raíña para roubarlles a cera. Cando o efecto pasa e a trampa queda ao descuberto, as obreiras reaccionan sobre-quentando os seus propios corpos para fritir colectivamente a invasora.

Como nas plantas, as baleas e as abellas, as reaccións tamén pasan por nós, persoas humanas, aínda que o xeito de medrar, nutrir ou defender sexa distinto. Sabemos que o choro dos bebés pode desencadear nas lactantes o reflexo de exección polo que baixa o leite. Que o contacto pel con pel reduce a frecuencia cardíaca destas crianzas e que unha aperta é capaz de compasar os latexos do corazón. Que o cortisol, demo de hormona, é imprescindible para responder ao perigo.

O cortisol axuda no equilibrio, adáptase ao contexto, intervén nos ciclos naturais do sono e tamén, si, ponnos en alerta. Ás veces, máis das que desexamos, sitúanos nun estado de alerta continuada; inflámanos, paralízanos, róubanos saúde e vida. Non é un mal a hormona en si mesma, senón, como todo, o seu exceso.

Levamos moito tempo aturando avelaíñas invasoras en forma de precarización e ruído, vivendas insostibles, bombas que caen lonxe e consecuencias que chegan preto. As consecuencias son tamén nais e crianzas lactantes que chegan ás pantallas como un bombardeo. Gaza doe, Siria e Sudán doen. Doe o asasino que clama polo Nobel da Paz para o seu cómplice.

Contra todo, aínda creo na colectividade da abella, a balea e o paxaro. Como acontece nas colmeas, non todas as que compoñemos o apiario do mundo somos iguais. Orientámonos, organizámonos, quecemos os nosos corpos xuntos contra a tiranía do máis grande. Porque somos máis. Sirva este berro colectivo á concordia, á natureza, á humanidade, ao respecto pola vida, como un canto de aves que axite o mundo.