Os que falaron por nós

 

A conmemoración dos 250 anos do nacemento de Jane Austen colleunos co pé metido na lama do patriarcado, outra vez. A este lado dos séculos, seguimos a tropezar coas mesmas pedras que historicamente trataron de soterrar a voz, e a persoa, dunha das autoras máis brillantes de todos os tempos.

 

Hai poucos anos que académicas, xornalistas, científicas ou escritoras comezaron a sacar á luz moreas de información inédita sobre mulleres e saberes que non coñeciamos ou aprenderamos de outro xeito. Así pasou con Austen e a rachadura do retrato de moza cándida e escritora por eventualidade que lle trasladou ao mundo a súa familia.

A autora quedou reducida a un decorado de tons pastel, novela romántica coa habitual condescendencia coa que se presenta ás escritoras e un perfil de pouca ambición pola escrita. Todo parecía un xogo, e ela, pouco máis que unha rapaza que soñaba con atopar o seu Mr. Darcy.

Hoxe sabemos que Austen era moito máis que iso. Muller de fortes conviccións, consciente do mundo que se lles presentaba ás mulleres, non só ás da súa clase, e autora de algunhas das máis excepcionais novelas da literatura universal. Probablemente tiña moito que ver coa rebeldía da Elizabeth Bennet ou a encrucillada das irmás Dashwood que ela creou.

Como con Austen, tamén pasou aquí. Coa fotógrafa Ruth Matilda Anderson, quen resultou ser tamén unha lúcida intérprete da Galiza de inicios do século XX. Hoxe rescátaa Alba Rodríguez Saavedra, con rigor e xustiza histórica. Co papel determinante das galegas no rural, no que tamén debullan Ana Cabana ou Alba Díaz Geada. Co feminismo absolutamente revolucionario de Rosalía de Castro, lonxe da mera actitude abatida e morriñenta que lle atribuían. Ata co canto dos paxaros, que criamos –porque así nolo dixeron– que lle pertencía só aos machos da especie, ata que as novas científicas entraron en escena. Isto último escoiteillo á escritora e veterinaria María Sánchez.

Tardamos tanto en descubrir a metade do mundo no que todas as persoas vivimos polos que ignoraron a nosa propia voz. Silenciando ou desoíndo. Outras tiveron que facer o traballo dende cero, dicir e desdicir.

Se o pensamos ben, pasa algo parecido nas organizacións, nas empresas, nas formacións políticas e nos núcleos familiares. Aínda estamos afeitas a que falen por nós, a que interpreten, a que deturpen, a que rouben a nosa voz. Afeitas a que, cando nos facemos escoitar, alguén nos poña en cuestionamento. Austen alucinaría.