Perico Delgado e poñerse de lado
Que a realidade non che estrague un bo titular é tan aplicable ao mal xornalismo como Perico Delgado ao peor deporte. Di o comentarista que as interrupcións da xente cargada con bandeiras foron "coidadosamente planificadas" para "obter notoriedade". As palabras do ex ciclista contra as protestas pro-Palestina durante a Volta retumban forte. Fan ruído, en definitiva, un ruído tan pensado e calculado como as súas verbas pretendendo soar aínda máis alto.
Perico trata de defender que isto é un problema político, e non deportivo, como se a política non estivese metida ata o fondo dos máis pingües negocios do planeta. Entre eles, o deporte. E dentro del, o ciclismo. Como se o equipo israelí, o sionismo expreso do seu propietario e a non intervención da Unión Ciclista Internacional (UCI) e o COI fosen xestos inocuos. Como se o equipo ruso non tivese sido vetado hai só tres anos pola invasión de Rusia en Ucraína.
Lonxe de convencer, parece que a sociedade non consente que se siga a tapar un xenocidio televisado, e moito menos na televisión pública estatal. De Bilbao a Monforte, a Mos, a Valdeorras, os pobos irmáns érguense con dignidade na defensa do pobo palestino en Gaza e Cisxordania. Os ciclistas asisten dalgún xeito ao masacre acometido por Israel polas bandeiras palestinas nas mans das xentes vascas, polas galegas vestidas de gazatís cargando vultos no colo que emulan sudarios de bebés. Polas siluetas de cadáveres debuxadas no asfalto que pisan coas dúas rodas e non poden evitar ver.
Din os ciclistas que teñen medo. Séntense incómodos e inseguros. Eu coido que teñen razón, mais non polo que eles pensan. A min tamén me causa arrepío a mera representación do horror que viven as persoas na Franxa de Gaza. Estremece porque existe. E por iso eles, Perico, a UCI e o COI non queren nin miralo.
É curioso, o deporte e o deportivismo. O deportivismo gusta cando os xestos non afectan no negocio: a lembranza das familias, o intercambio de camisetas, as apertas dos rivais. Molesta, en cambio, cando fraquean as contas e os altos cargos. Demostrárono Jenni Hermoso e as compañeiras da Selección Española de Fútbol, deixando unha Federación que aínda treme, como un volcán a piques de estoupar. É perigoso teimar na bicicleta. Como Delgado, poñerse de lado trae o risco de escorar ata comer o asfalto.