A paixón das estrañas

Esa muller de Gaza co neno no colo parécese á miña tía. Son case idénticas. A pel morena, os beizos debuxados, as pálpebras mouras. As dúas levan os ollos perdidos en algures que non existe, como tamén a tía da miña tía. Hai tantas fotos de familia na casa grande que non hai dúbida. A muller leva, como ela o día da comuñón, un gran velo por riba. Un é negro, o outro branco, e iso tanto dá. Aí está, arrolando o neno que chora nun vídeo que dá a volta ao mundo. Velaí a estrañeza.

A súa crianza en desconsolo é un saco de pel e ósos moi distinto dos bebés da miña casa. Ao meu curmán ninguén o gravou en vídeo. Non había videocámara nos inicios dos oitenta, mais si fotos que dan conta dos xenerosos pregos na pel. E, porén, con tanto rexistro, semella que xa non hai memoria. A ollada perdida desa nai que arrolla desaparecerá do maxín colectivo nuns poucos días. É o que nos está acontecendo. 

Canda a imaxe, o titular levanta muros á familiaridade: "En Gaza, a fame mata unha persoa cada 80 minutos. A maioría, crianzas". Agora sei que esa muller novísima que se parece á miña tía é unha completa estraña.

Nun ensaio brillante sobre a amizade, a escritora e filósofa Marina Garcés debulla un concepto tan necesario para os seres humanos e, ao mesmo tempo, tan secundario e asumido nas sociedades e a cultura popular. Lonxe dunha cuestión de semellanzas, describe a amizade como a paixón dos estraños, unha relación na que, máis que os puntos comúns, o que verdadeiramene conta é "o afecto que, ás veces, nos vencella a quen non son nada noso". "Que poidamos concibir a amizade como a inclinación cara ao outro é, á vez, unha vía de coñecemento e unha experiencia de transformación", escribe.

Garcés detense no concepto do inimigo común que crean as sociedades da guerra, en como ese punto une persoas contra persoas, e sinala que a privatización da amizade ten que ver coa deriva neoliberal desas mesmas sociedades. 

Mentres Garcés conclúe que "a cidadanía democrática sería aquela na que poidamos asaltar os estraños sen danalos", a imaxe da muller que arrola percorre de novo a miña mente. Como falarlle poñéndome na súa pel. Como rescatar a súa ollada do abismo.

Esa muller novísima que se parece á miña tía é unha completa estraña. Case ten a miña idade, máis que a dela. Coido que por iso quero preguntarlle se tamén lle gusta Donna Summer, como a ela. Probabelmente nunca o saberemos. Probabelmente esqueceu a música, como eu temo esquecer unha estraña.