O puño de Syra

Hai uns meses que penso reiteradamente en Syra Alonso, no seu puño e na súa letra. No seu testemuño, plasmado nuns diarios de ouro que lograron un enterro digno para o pintor Francisco Miguel, e na dor que Syra arrastrou polo mundo dende que os fascistas o asasinaron. En Oleiros, Tordoia e Actopán, tantos lugares que teceron e seguen a tecer a historia máis escura do noso país.

Alvarellos Editora acaba de re-lanzar os Diarios (1938 e 1945) de Syra Alonso, publicados por primeira vez no ano 2000 por A Nosa Terra. Naquela altura eu tiña dez anos. Quizais non era o momento para dar con eles ou quizais o mundo aínda non estaba preparado para a difusión que merecían.

Ás veces os libros traen a certeza de ter un tesouro nas mans. Saltan de man en man, de mente en mente, e agasallan o soliloquio interno e imprescindible do diálogo con nós mesmas. Sospeitamos que outra xente que coñecemos, ou non, comparte estes pensamentos, e entón faise a maxia.

Tiveron que pasar vinte e cinco anos para ter os diarios de Syra Alonso na mesiña de noite e o privilexio de conversar sobre ela con Laura Rey e Carmela Galego na Asociación Alexandre Bóveda. Falamos de amor, da súa esperanza no poder da arte, das mulleres muro e de tantas creadoras enormes agochadas tras homes célebres. De Palestina, tamén, por que non, xa que os horrores non cesan.

Leo a Syra Alonso nesta edición que nos amosa nitidamente a súa letra, tan parecida á da miña avoa, que tivo que fuxir de Mondoñedo cando só era unha nena. E as pinturas de Francisco Miguel tocadas polo Atlántico que ninguén estuda na universidade, porque só agora, en 2025, puido ser honrado. Tamén a miña avoa pintaba o mar. Coido que en todo isto nada é casualidade.

Con que rapidez a Casa da Felicidade na que Alonso e Miguel vivían tornou no horror máis absoluto. Cantos lugares de inferno polos que camiñamos descubrimos grazas a estes Diarios, onde Alonso rescata a xustiza do esquecemento que dá a impunidade. E faino cunha prosa impecable, no que é posiblemente un dos testemuños mellor escritos do que supuxo a Guerra Civil en Galiza ou, máis ben, a brutal represión.

Desexo de todo corazón que exista algo alén da vida se iso supón que Syra Alonso poida ver a forza do seu puño e a súa letra. Esa muller que morreu en México sen escoitar a voz dos paxaros, sen despedir o seu compañeiro, é memoria viva, sempre viva a través da escrita. O puño da dignidade colectiva.