O mellor e o peor

Catástrofes como a do tren de Adamuz, que deixa tras de si máis de 40 vítimas mortais, son capaces de sacar á superficie as luces e as sombras do que somos. Na memoria da nosa terra segue Angrois moi viva, as súas historias e intra-historias. Mais esta vez, nun tempo no que o contido que se esparexe pola rede é capaz de levar lonxe a deshumanización máis absoluta, todo se amplifica.

Ten razón o ministro de Transportes, Óscar Puente, cando fala de soufflé emocional, porque iso é exactamente o que acontece estes días. Flutúa o mellor e o peor de nós, nunha catarata de emocións que nos trae en tempo real os rostros e as voces do horror, da esperanza, do agradecemento, da carraxe. E con iso, coas emocións propias e alleas, xoga quen quere facer mal.

Amencemos onte coa aparición de Boro, o can que se perdeu o domingo no accidente ferroviario, e a cara sorrinte da súa compañeira humana. Probablemente é o primeiro e o único sorriso de Ana en catro días, coa súa irmá embarazada aínda na UCI.

Na televisión andaluza, o pai dun supervivente fala por primeira vez co rapaz que lle salvou a vida. Descobren e choran xuntos a feliz coincidencia. Un raio de amor e recoñecemento percorre a prensa ao despedir a Óscar Toro e María Clauss, xornalista e fotógrafa que non correron a mesma sorte.

Descoñezo se a ciencia manexa os tempos da inmundicia, mais desta volta foron tres días. Medios sensacionalistas, pseudo-medios, contas afíns á extrema dereita e dirixentes dunha moi determinada política disparan a peor munición, que non é outra que a demagoxia e a mentira que se retorce a conta de persoas que sofren. Semella o cobro despois da Dina de Valencia, como se ambas traxedias fosen xemelgas.

Nunha intoxicación de opinións, todo o mundo sabe de trens e de sistemas de seguridade nas vías. Saben quen ten a responsabilidade cando aínda se investiga o que pasou. Persoas que sobreviviron ao accidente rebaten mensaxes de odio e sisudas teorías da conspiración. E son rebatidas de volta.

Descríbese este tempo como a era dos extremos, e quizais tamén as emocións estean tocadas polo radicalismo. Mais, como as ideoloxías, non todas son igualmente válidas ou rexeitables. A dignidade de quen sobreviviu tratando de abrirse paso entre o ruído sitúase no medio do mellor e o peor de nós, mais é o mellor o que aporta alento para seguir adiante. O demais é ousado e escuro.