Mirar o dedo
A violencia semella unha máxima latente no noso día a día. Propia ou allea, en cada última hora recibida nas nosas pantallas, televisións e dispositivos móbiles, preséntase en forma de guerra, de delito sexual, de pelexa ou mobiliario urbano esnaquizado despois dun partido de fútbol. Aparece todos os días nunha onda brutal de violencia contra as mulleres, con golpes, dano psicolóxico continuado, ataques á infancia, agresións sexuais e morte. E é aí, e só aí, onde ás veces reparamos no fondo compoñente de xénero que entrañan a maioría das violencias.
En poucos días, todo aínda atravesado total ou parcialmente pola presunción, un home matou a súa muller en Campo Lameiro, rapaces e grupos de rapaces violaron conxuntamente outras rapazas e o conselleiro do Mar dimitiu ao facerse pública unha denuncia contra el por agresión sexual. A vítima é unha famosa presentadora cuxa identidade non deberíamos coñecer de non ser da súa propia voz. Tampouco o retrato da súa familia, o repaso da súa vida, incluída a sentimental, e ver a súa foto por todas partes. Na atrocidade de Campo Lameiro, nada debería interesarnos máis que a dinámica da violencia, mais tamén sabemos a opinión da veciñanza e das persoas achegadas sobre a conduta da vítima.
As violencias machistas, e tamén a espiral de violencias que emana de determinada masculinidade –moi hexemónica e promocionada–, cóntase cada día dende demasiadas frontes como unha narración dos feitos sen criterio homoxéneo e consensuado, por non falar da perspectiva de xénero, que a moitos aínda lles soa a nada, se non a invento woke.
Aínda valen os detalles morbosos, a revitimización e a culpabilización das vítimas, a espectacularización de todo. Lemos títulos grotescos nos medios como "la estremecedora historia detrás de los dos cadáveres calcinados", "só se miraban ósos" ou "Paloma Lago entierra la carrera política del conselleiro".
Mentres xornalistas que non se limitan a contar e adornar afanan en contextualizar, recorrer a fontes expertas e, en definitiva, facer as cousas ben, atopan miradas inseguras nas redaccións, cando non chamadas de atención dende algunha fonte oficial, algunhas que ata hai dous días escribían "casa de citas" nas súas notas de prensa. Coas violencias, que emanan, case todas, dunha conduta fondamente machista, seguimos mirando o dedo mentres o feminismo sinala o ceo. Un ceo que escintila inferno.