Leccións do deporte

Se hai unha cousa especialmente fascinante das Olimpíadas é escrutar ese valor inmenso e poderoso do deporte. Sempre aparece, en maior ou menor medida, e deixa en nós un pouso harmónico de humanidade que agroma do equipo, o esforzo e os soños por cumprir. Como os momentos clave da vida, o deporte tráenos o aire fresco da lección. Por riba de todas as cousas, somos xente humana, tan fráxil como superpoderosa.

As atletas Simone Biles e Rebeca Andrade comunícanse con sorrisos, xestos e apertas. É o resultado natural dunha relación na que nin a estadounidense fala portugués nin a brasileira inglés, algo que case ninguén sabía cando comezaron a aparecer imaxes das dúas xuntas en París, bailando, celebrando, animándose mutuamente e desfrutando do clima único das Olimpíadas.

Esas mulleres que brincan, voan e dominan o equilibrio poñendo o corpo como eixo da proeza compiten polas medallas olímpicas da ximnasia rítmica. Cargan coa responsabilidade nos ombreiros de levar a gloria aos seus países e superarse, a elas e ao resto, cada ano, en cada competición. E arrastran, ambas, un pasado de autosuperación circunstancial que as fai, se cabe, aínda máis colosais.

Andrade, nacida na favela paulistana de Vila Fátima, filla dunha muller traballadora que criou soa as súas oito crianzas, quedaba adestrando mentres a nai ía limpar casas. Hoxe, con 25 anos, é a ximnasta olímpica brasileira con máis medallas, incluído o ouro no exercicio de solo. Biles, filla de persoas adictas, tivo a oportunidade despois de ser adoptada polos seus avós, acariñou o ceo con 23 anos nos Xogos Olímpicos de Tokio e parou en seco por saúde mental ante os ollos do mundo. Agora crea saltos que estaban por inventar. Quizais por cargar con todo iso, as adversarias escollen celebrarse sen entenderse nin unha palabra.

Son moitas as imaxes para a historia que deixan estes Xogos de París, as máis delas, titanicamente humanas e protagonizadas por mulleres. Simone Biles e a tamén estadounidense Jordan Chiles inclinándose ante Andrade no podio, cunha reverencia pactada dende ambos lados da brasileira. A chinesa He Bing Jiao, prata en bádminton, posando coa súa medalla e un pin de España en recoñecemento a Carolina Marín, que tivo que retirarse por unha nova lesión de xeonllo mentres xogaba con clara vantaxe nas semifinais. O peso das medallas, como a vida, semella moito máis lixeiro cando se comparte.