Fumata branca, fumata negra

De todos os males que atormentaron a Alejandra Pizarnik, a identidade foi vértice. Na poesía, nos diarios, unha corda invisible emana da literatura para situarnos na súa loita constante na busca do fondo –"No quiero ir / nada más / que hasta el fondo"–.

Quizais foi por iso que Pizarnik apareceu de fondo no visionado de Cónclave (Edward Berger, 2024), o filme que está a dar a volta ao mundo pola coincidencia no tempo co proceso de escolla do sucesor do papa Francisco e pola rabiosa actualidade de todos os temas que abarca, que non son poucos. E tamén, quizais, por todos os fondos que o cardeal Lawrence se propón sacar á luz.

A figura dun cardeal estraño que ninguén coñece fainos unha promesa dende o inicio. A contraposición entre as dúbidas e as certezas, a paz e a guerra, a luz e o escuro, o ser e o proceder, manteñen a tensión ata o final. Un final que é unha labazada coa man aberta a todo autoritarismo, a todos os dogmas. "El horror de habitarme, de ser –qué extraño– mi huésped, mi pasajera, mi lugar de exilio"; "Señor / La jaula se ha vuelto pájaro / y ha devorado mis esperanzas", escribe Pizarnik nunhas frases que ben podería pronunciar o inesperado protagonista.

Parece sinxelo adiviñar un desenlace, mais non a lección que todo o envolve e que sen dúbida se traduce na xenialidade do filme. Debulla todo o que a identidade entraña e que tanto tende a simplificarse no binarismo do branco e do negro, como a fumata papal: a integridade, a dúbida, o pacifismo e a busca incesante da verdade como pecados necesarios para unha institución aínda clave e simbólica nun mundo a estoupar.

Non esquece Cónclave o sufrimento dun ser polo feito de selo, coa identidade alta, a moral ben visible e todo o demais agochado baixo unha sotana e un corpo que só un aparello avanzado pode mirar. Escuro pecado para todo quen sabe mesmo sen poder ver. De novo, as certezas sobre o que non alcanzan os ollos. "Odio mi cara pues la miro a través de sus ojos".

Entristéceme pensar que Pizarnik non sería máis feliz no mundo de hoxe, onde a identidade, as moitas que existen, parecen condenadas a ser borradas, fulminadas e violentadas se non encaixan no molde establecido. Ese molde no que todo cambia para que nada cambie. Como deixou escrito a arxentina, "aparentemente cada cosa tiene su sustituto. Sustitución que se sucede infinitamente. Yo creo que nada se reemplaza".