Ferir a quen nos coida

Na infancia sobrevoaba o recordo dunha agresión cando ela estaba comezando como médica de familia. Quedou a lembranza nun transo fantasma, aló ao fondo, nun pasado e un contexto específicos, cando traballar nun lugar ou outro determinaba en gran medida o como e o porqué. O específico, o perímetro, o medible. Tamén a excepción.

Acompañeina ben cativa nalgunha garda nocturna, esas noites nas que o risco aumentaba ao ritmo dos excesos, os sinistros e as leas amparadas polo escuro. A alarma enunciaba o sobresalto, o saltar daquela cama de vixilia e entresono. Mentres eu durmía non podía imaxinar que se metía debaixo dos coches envorcados, dentro das casas inhóspitas co bafo saíndolle pola boca. Menos tres graos iluminados no termómetro. O floco de neve na pantalla do vehículo. Atendía paros e corpos abertos non aptos para a náusea, a pausa e o bloqueo. E volvía unha e outra vez, deitarse e erguerse, nunha dinámica que lle estragaría o descanso para o resto da súa vida.

En 2020 armouse de plástico e EPIs, lixivia na porta e duchas continuadas. Visitou a boca do lobo dos fogares onde aquel virus e o seu alcance eran aínda unha incógnita. Reinou o cansazo e o medo, a forza que non tiña para deitarse, erguerse e volver comezar. Volvía á casa, estaba a salvo, e pasoulle, polo medio, todo o que nos pasa aos seres humanos rodeados de perdas e afectos. Quen coida a quen nos coida?, comezamos a preguntarnos.

A pregunta transita como aquela lembranza fantasma cada vez que no centro neurálxico do coidado estoura unha agresión. Transita e aumenta. Quen coida a quen nos coida? Abonda acaso cunha palmada administrativa no lombo? Unha chamada telefónica? Unha mellor oferta? Unha carta de copiar e pegar?

Xa non podemos contar cantas persoas traballadoras dos centros sanitarios foron agredidas na última semana, no último mes, no último ano. O desprezo, o insulto, os golpes e o intolerable ocupan o presente como nun mal soño de garda nocturna para facerse realidade na pel. Hoxe todas están nela, nas súas marcas, na magoadura que leva por fóra e por dentro.

Todas teñen que volver. É o seu traballo. Non o é aturar golpes, ofensas, agresións. O peso do desmantelamento da sanidade pública recae nos ombreiros de quen está aí para mirar por nós, quen nos recibe, quen nos limpa. Parapetando a inacción de quen non fai ben o seu traballo. Ferir a quen nos coida. Que cruel paradoxo.