Arde o baleiro
Montse de Pareisás fálalle á cámara de Brais Lorenzo coa naturalidade da fartura e a frustración. Faino dende esa aldea de 37 habitantes da Pobra de Trives, a súa, sostendo unha pa de extinción na man. Mentres fala mira arriba, mira o chan, di non coa cabeza e murmúrao polo baixo. “Cando chegaron os medios onda nós xa ardera a nave, xa intentaramos apagala. Sacaramos os animais e sacaramos as persoas porque sabiamos o que había”.
Saben o que hai quen alí viven. Sábeno os medios de extinción sen medios, afeitos a acudir cada verán a Ourense pola voracidade do lume como poden, co que teñen. “Moitas veces na miña vida escoitei cousas así, cando chegamos nós xa había tempo que ardera todo”, comenta a teor das palabras de Montse un bombeiro comarcal de Verín. Uns días antes viamos tamén a veciñanza de Ponteceso cargando tanques e tractores, traballando man a man co corpo de profesionais afogado polo fume da precariedade.
Na Caridade, no concello de Monterrei, un veciño agarda crispado polo presidente de Galicia. As lapas mataron a metade dos seus animais. “Vén aquí a que? Facer a foto?”, pregunta ao aire. A uns quilómetros, en Laza, outro acolle con alivio que o incendio non traspasara a montaña. Ou, alomenos, aínda non. “Vese que aquí somos de mecha curta”, retranquea.
Quen habita o baleiro coñece ben o seu propio oxímoro. Son, están, en lugares que no imaxinario xestor non existen. O lume semella un castigo por resistir onde outros din que non quere vivir ninguén. É case imposible crer que non hai unha idea, un plan, para todas as persoas que viven na trastenda. Quizais o plan é o desleixo, que todo arda por si mesmo ata que xa non quede nada. A flora, a fauna, a xente. Fogar e memoria colectiva calcinados polo abandono e o misto forestal.
Escoito na televisión un intenso debate sobre os lumes de Tres Cantos e León. Quen ten menos medios, quen externaliza, que goberno xestiona peor. Galicia aparece como telón de fondo na pantalla, con toda a provincia ourensá en nivel dous por primeira vez na historia e máis hectáreas queimadas nestes días que en todo o ano pasado. Oio na radio pública unha defensa á totalidade do executivo galego e unha emenda á totalidade ao do Estado.
Boto en falta falar da Xunta, a planificación, o baleiro. O ciclo de festividades oficiais do presidente. Ninguén parece saber que as palabras de Montse se oen pero non se escoitan.