A banalidade do mal
Non pasa moito tempo dende que unha persoa se forma en política internacional ata decatarse de que, nese oficio, xa hai cus abondo apousentados nas cadeiras. Vivimos nun mundo no que parece máis autorizada a opinión dun señor de faladoiro televisivo que a análise pormenorizada de quen traballou durante anos na primeira liña dun conflito. Quizais por iso, profesionais como a xornalista Olga Rodríguez son relegadas dende diversos ámbitos á categoría de activistas, como está acontecer ante o xenocidio que o Estado de Israel está a cometer coa poboación palestina ante os ollos do mundo.
Unha, que xa non pode recorrer ao título, nin a unha experiencia que pola precarización do oficio nunca chegou, decide logo cinguirse ao poder revelador das palabras. Israel, coa axuda inestimable do gabinete de Donald Trump nos Estados Unidos e as apertas da presidenta da Comisión Europea, leva meses negando o xenocidio, malia as 50.000 persoas mortas, 15.000 bebés, e a gran fame que asola Gaza. Recorren, porén, á verba antisemitismo coa celeridade do instante inmediato tras un tiroteo, o que cobrou a vida de dúas persoas empregadas na Embaixada de Israel en Washington na noite do mércores ao xoves. Non tiveron que pasar moitas horas para que o mundo enteiro puidera escoitar nitidamente o berro "Free Palestine", dúas palabras emitidas despois do crime polo autor do asasinato.
Horas antes escoitabamos as súplicas das colas da fame na franxa de Gaza, mentres o goberno de Benjamin Netanyahu regulaba unha entrada de alimentos moi limitada. Aínda resoan as redifusións do Festival de Eurovisión no que a nada casual representante israelí, vítima do ataque de Hamás o 7 de outubro de 2023, estivo a piques de facerse co trofeo tras un discurso lacrimóxeno e a ostentación do poder absoluto que este Estado non europeo tomou sobre o certame, incluído o televoto. Pero a palabra antisemitismo aínda semella cobrar máis forza que ningunha outra.
"Mentir constantemente non ten como obxectivo facer que a xente crea nunha mentira, senón garantir que xa ninguén crea en nada", escribiu Hannah Arendt n'A banalidade do mal. Pode que as palabras dunha vítima do antisemitismo expliquen mellor que ningunha outra por que cualificar algo de antisemitismo é hoxe un monopolio do mal para facer maldades. E tamén o fastío dunha sociedade que, empachada de horror, procura anestesia na inopia.