Que alternativas de futuro para a nosa diáspora?
Tomé Laxe Gómez
Hamburgo (Alemaña)
O peche do Centro Galego de Hamburgo tras 50 anos simboliza a crise do asociacionismo galego no exterior, xa presente na venda do histórico hospital de Buenos Aires —onde faleceu Castelao— ou no cese de actividade da emblemática Casa de Galicia (Bruxelas) 'La Tentation' en 2019. Os centros tradicionais, cunha oferta cultural limitada —gastronomía— e dominio do castelán por socios non galegos, xa non atraen ás novas xeracións.
A emigración continúa hoxe, pero en novas circunstancias: mozas e mozos con maior formación e visión global crean asociacións dinámicas que promoven a lingua, música e identidade galegas, gozando do apoio de sociedades de acollida multiculturais e incluso conseguindo financiamento local. Con todo, a Secretaría de Emigración ignóraas, reservando axudas só para os centros galegos tradicionais, a maioría en vías de extinción.
A Xunta debe recoñecer e apoiar estas novas iniciativas, así como os honrosos grupos de gaitas e baile que sobreviven ao cambio xeracional, verdadeiros embaixadores da Galiza global. Estas novas asociacións son pontes culturais estratéxicas co seu entorno. A morriña xa non se mata comendo caldo, senón compartindo cultura. As novas diásporas reinventan a súa forma de pertencer a Galiza. Merecen ser escoitadas. É tempo de apoio real: sen el, Galiza perderá o seu pulso cultural no mundo. Até cando o seu potencial será ignorado?