Un luns de novembro
Primeiro luns de novembro. A expectación política preside a consolidación do outono. A dor das vítimas sacou a Feijóo do bucle no que se instalou desde a traxedia da DINA. Se cadra non foi tanto a empatía como a constatación de que mentir tamén pode ser delito. Ou que pode traer consecuencias que os estrategas de despacho non contemplan.
O PP ten experiencia en facer desaparecer a indignación a golpe de talonario nas zonas afectadas. Seguro que o propio líder do PP lembra como a traxedia do Prestige foi un punto de inflexión na carreira de Cuíña e implicou o seu ascenso no Goberno e no partido. En termos xerais, iso que se denomina factura política en termos electorais foi ben escasa para a dereita. Non obstante, vivimos un momento político complexo e cheo de polarizacións. Asemade, é ben distinto perder o sustento e que che falen de reconstrución a ver morrer a fillos, irmás e persoas queridas. Aí de pouco valen as palabras. De feito, escoitaba a comparecencia de Mazón e non podía deixar de teimar no momento no que a política mudou a este espectáculo de insultos e culpas ao outro. Dimite tarde, sen asumir a responsabilidade que implicaba o seu cargo, sen pedir desculpas. O que é peor: dimite sen dimitir para seguir sendo aforado. Mostra clara do seu medo a unha investigación.
Con este panorama lemos como gran sorpresa que a mocidade desconfía da democracia. Sorpréndenos que se cuestione un sistema que adoece de ética, xa non digamos de estética. O que debería preocuparnos é como a esquerda deixou de presentar modelos de compromiso e autenticidade. Estou certa de que é máis fácil encaixar os erros humanos, incluso as paixóns que poden inducir a cometelos, que toda esta infamia de mentiras e autoxustificacións propias de seres miserábeis para os que gobernar é igual a lucrarse. Foi en Valencia onde Vox comezou a gañarlle a partida ao PP; agora con esta decisión covarde e tardía de Mazón están nas súas mans. A ultradereita non é un perigo para a mocidade porque xa considera que o que hai o é.
Por moito que en Galiza os medios de comunicación agochen as enquisas que dan un ascenso xeneralizado ao BNG, a realidade é que en boa parte conséguese grazas ao voto de mozas e mozos. Analizar onde máis medra o voto á ultradereita é algo que ás veces se obvia de xeito interesado. Por moito que sexa un fenómeno global, tamén vemos alternativas como a de Países Baixos ou Irlanda. Non creo que demonizar ou responsabilizar unha xeración sexa a solución a un mundo complexo onde a política se foi banalizando a golpe de personaxes corruptos ou incompetentes. Ou as dúas cousas nun mesmo ser.
A cuestión non reside só en ensinar valores, algo que lle esiximos á escola como única responsábel. Debemos exercelos para ser críbeis. Dicía Aristóteles que as virtudes exércense. Pois iso, un pouco máis de exercicio das mesmas e menos discursos prefabricados. A sinceridade é un valor. E por moito que a teoría política queira esquecer a ética, é tan necesaria para recuperar a ilusión democrática como saber estar á altura dos cargos políticos cando se exercen.