Setembro vén difícil

A palabra xenocidio xa perdeu o seu valor. Tanto ten lembrar que Israel leva asasinado cerca de 15.000 crianzas, que ten desprazadas e sitiadas a dous millóns de persoas e que a ONU declarou xa o estado de fame para a súa poboación. Tanto ten!

A poboación sae a rúa. Fai roteiros, sentadas, manifestacións. Berra en rúas e prazas. Os dirixentes non escoitan. Quen sabe que pasa pola mente das e dos responsábeis da UE. Incapaces de tomar acordos. De plantarlle cara a un estado que masacra a poboación civil co beneplácito de Trump. Por unha banda está o sentir da sociedade civil e por outra os gobernos. Estremecen as imaxes e as testemuñas na radio. A pregunta que nos facemos é porque está impotencia de Europa para deter o xenocidio. Supoñemos que os intereses económicos e políticos, que veñen sendo o mesmo a estas alturas, son moitos. Que iso mantén aos gobernos amordazados no seu papel de condenar unha e outra vez sen tomar ningunha decisión efectiva.

Setembro ven difícil. Non podemos escapar á obriga moral de denunciar o xenocidio do pobo gazatí. Aínda que a impotencia vaise apoderando de nós para facernos cómplices da inacción. Outro curso comeza, escolar e político. O primeiro ven monopolizado polo debate sobre a neutralidade. O segundo sobre as formas do PP para eludir responsabilidades e competencias propias. Sobre o primeiro teríamos moito que dicir no referido a Gaza. Acaso falar de neutralidade neste xenocidio non é apoiar a Israel? Non debe existir neutralidade diante da violencia. Uns morren mentres mendigan alimentos e outros aplauden a masacre empregando reservistas de guías turísticos do conflito.

Si, este vai ser un setembro complexo. Así é a realidade que vivimos. Un mundo sen ética onde os matóns da clase son os xefes de estado supón que as persoas imiten os seus comportamentos. Quedará a escola como único espazo de valores? Por iso tentan acudir á falacia da neutralidade para desmantelala? Prefiro pensar que non. Prefiro crer que non toda a sociedade vive no espectáculo de Mr. Wonderful. Que non somos inmunes a dor das outras.

Non sei se veremos a Netanyahu sentando nun banco acusado de crimes contra a humanidade ou se teremos que reler a Arendt para entender a complexidade dos procesos sociais nos que persoas tranquilas e bos cidadáns foron quen de convivir  co horror. A información que ofrecen as xornalistas son unha das poucas fiestras que se nos abren para ter información. O seu labor, cuestionado por moitos neste últimos anos por innecesario, móstrase máis crucial que nunca. Só desde o compromiso hai voces que seguen defendendo os dereitos dun pobo que os gobernos non consideran merecedor de ser un Estado.

Comeza setembro con cinzas sobre Galiza. Con dor e fame en Gaza. Con docentes chamados a debater que entenden por ser neutral. Nada máis afastado da xustiza e a liberdade. Se cadra, estes son conceptos chamados á obsolescencia programada no mundo do efémero. Bo inicio de curso e que as aulas non nos pillen neutrais.