Non é un caso illado

Éo patriarcado. Esta clásica consigna dos 25 de novembro nunca perde vixencia. Onte percorriamos as rúas berrando contra unha situación que, por ser estrutural, necesita do compromiso político todos os días. Nesta ocasión o foco proxectouse sobre a violencia sexual. Un aspecto da violencia machista que estremece polo alcance entre a mocidade.
Un recente estudo nos campus de Vigo e Compostela arroxan datos desalentadores: máis de 7.000 casos de asaltos sexuais ou 1.500 universitarias que manifestan ter sido violadas. Os datos só son unha parada no camiño de recoñecer a violencia contra as mulleres. Sorprende que ano tras ano teñamos que debullar estatísticas para mostrar a realidade e contrarrestar os discursos negacionistas. Mais o percorrido é longo e necesita dun plan de futuro.

Non chega con celebrar os logros das leis vixentes. O prioritario é buscar os erros ou desatinos das mesmas. Que fallos temos na educación da mocidade para que a violencia sexual sexa banalizada e normalizada. Por que non hai unha educación sexual nos centros de educación sostida no tempo e realizada por profesionais especializadas. Non é tanto prohibir a pornografía como educar. Pode que incluso a nais e pais, pode que teñamos que facelo colectivamente como sociedade. De feito, por moito que se fale da importancia das emocións e da intelixencia emocional, deixamos en man do voluntarismo do profesorado todo o referido a este campo; seguimos a valorar contidos por riba de calquera outra forma de aprendizaxe.

Actuar non é fácil. Escasean medios e orzamentos. Os CIMs resisten precarizados e saturados, seguemos agardando polos xulgados especializados prometidos, os centros de crise 24 horas non teñen data de inicio, as axudas económicas mantéñense case igual que hai dúas décadas, a atención psicolóxica nos centros de saúde obrigatoria por lei non existe, a formación as profesionais é escasa, o sistema de acollemento ás mulleres vítimas non responde as necesidades actuais... En fin, que o traballo do 25 de novembro non rematou onte na conmemoración. Comeza hoxe. 

Restaurar. Este paso pode resultar difícil sen os apoios e o acompañamento necesario. As mulleres que de forma masiva denuncian nas redes os seus episodios de acoso e violencia buscan ser escoitadas. Eliminar o silencio. Non obstante, despois de falar debe buscarse a axuda necesaria para vivir libres e despoxadas da carga da violencia. Neste caso os medios públicos aínda escasean máis. 

A denuncia social en Instagram tamén ten os seus riscos. Enunciar non é erradicar. Dar voz e visibilizar é necesario para recoñecer. Agora, xa sabemos da dimensión e profundidade da violencia machista. As administración teñen moito traballo pendente, avaliar as leis e os servizos actuais para mellorar e transformar o que non funciona. Nós, como persoas, tamén o temos. Non se muda o mundo sen mudar cada un de nós: crenzas, valores e condutas. É o patriarcado, non son casos illados.