O rodaballo moito mira para nós

A Xunta de Galiza vén de anunciar esta semana a inxección de 43,2 millóns de euros ás empresas norueguesas Seafood Legacy (25 millóns) e Stolt Sea Farm (13,3 millóns), así como á española Sea Eight (4,97) para proxectos de acuicultura en terra. Son fondos da UE cofinanciados pola Xunta, cunhas regras de xogo aceptadas polo Estado español desde hai 40 anos. Por gobernos do PP ou do PSOE, tanto ten.

Di pouco dun Goberno galego que prioriza o apoio a empresas de capital foráneo fronte ao sector propio, mesmo nun ámbito –produción pesqueira– no que Galiza é potencia mundial. Retrata a aplicación dun deseño terríbel: non podemos producir no litoral máis produtivo de Europa, e os cartos públicos van para empresas multinacionais, non para a xente que traballa no mar. Fondos tamén para desmantelar buques e reconverter ou prexubilar mariñeiros. Para iso hai cartos. Mais non para mellorar a produción e sanear rías e bancos marisqueiros. Ou para a renovación da nosa flota, que Dinamarca pode facer e Galiza non. Non todos somos iguais na UE. E menos con "competencias exclusivas" de papel, porque é Bruxelas quen decide as cotas de captura para a pesca de badexo, raia ou xurelo dentro das nosas propias rías.

Temos unha capacidade produtiva única, en cantidade e en calidade. Non hai outro caso similar ao noso en toda Europa. Mais colide a potencialidade coa realidade. O noso problema é político: aplican políticas comunitarias que marxinan, discriminan e penalizan o noso sector pesqueiro, mentres a Xunta asubía. Galiza é o país da UE que perdeu máis buques e postos de traballo no mar. Non hai caso comparábel en todo o continente. Galiza era a primeira potencia pesqueira, e hoxe é Dinamarca.

Daquela, menos europeísmo masoquista e conformista e máis aspiración de poder vivir dignamente do noso traballo. Precisamos dun espazo de libre decisión en materia pesqueira que nos permita aplicar políticas propias en función dos nosos intereses, no mar territorial e nas rías. Sen dúbida esta inmensa riqueza produtiva pode ser aproveitada para xerar desenvolvemento para o conxunto do país e crear postos de traballo dignos na Terra. É posíbel.

PS: O "Pacto pola Lingua" tamén chegou á pesca. A Xunta de Galiza (non de Murcia) está a distribuír nas bibliotecas dos centros de primaria unha publicación dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos para que coñezan as especies de peixe e marisco da costa galega. Encomiábel. O título vai en galego, mais os peixes e mariscos reciben os nomes de "lenguado, sardina, dorada, pulpo, calamar, jurel, bacaladilla, erizo de mar [...]", entre outros. Para que aprendan. Fai falta ser cruel e non ter escrúpulos para lles roubar aos nosos nenos e nenas o dereito a nomearen as luras, o polbo ou os xurelos. Xa non falemos das robalizas. E despois aínda dirán que é "neutralidade ideolóxica" a que aplican nos centros. O que queren é españolizalos como sexa. Son renegados do país. Terán "sentidiño", mais o que non teñen é corazón.