A desmemoria da esquerda española

Teñen razón quen opinan que o Estado español é irreformábel nunha dirección democrática. Non hai maneira. E tampouco se esforzan tanto. A dereita e extrema dereita española coñecémolas ben, e non ocultan o seu ultra españolismo en forma de supremacismo con todo o que non sexan eles, a súa cultura e o seu idioma. O resto é inferior, sen dereitos. Consideran natural e lóxico que os que non son coma eles teñen que intentar selo, e se non queren, que o sexan á forza, que para algo son superiores. Crense así. Complexo de superioridade interiorizado desde hai séculos.

Logo está unha esquerda española (denominémola así, se é que se pode, a ese espazo ideolóxico-político situado entre PSOE e PCE, ambos inclusive, e outros experimentos máis puntuais) que ten en común o de ser moi pouco esquerda e, iso si, moi española. Levan décadas demostrándoo. Fixérono cando, por exemplo, aceptaron e lle concederon plena lexitimidade, na transición, á monarquía española imposta polo ditador, aos pactos da Moncloa ou a unha constitución que nega as nacións e non lles recoñece o dereito de autodeterminación. Nacionalistas galegos, vascos e cataláns non pasaron polo aro. Eles si.

Esta semana viñeron uns tipiños de Madrid visitar o pazo de Meirás. Supermegaprogres. El, o Secretario de Estado de Memoria, e ela, cun curioso cargo: "Comisionada para la celebración de los 50 años de España en Libertad". Manda truco. Non sei se España levará 50 anos de liberdade. Galiza desde logo, non. Dou fe. Até para beber auga do río Miño hai que lle pedir permiso a Madrid.

Viñeron aquí crendo que era o seu "cortijo", como dirían eles, despois de anos de loita popular pola recuperación do pazo de Meirás. A súa desmemoria impediulles lembrar as numerosas mobilizacións, as peticións, os debates parlamentares –lembro especialmente Pilar García Negro–, as investigacións –base decisiva para o éxito xurídico–, o traballo incansábel do nacionalismo dende a deputación da Coruña e doutras institucións, ou mesmo aqueles que sufriron persecución e condenas –en primeira instancia– polas denuncias da familia Franco.

E mentres algúns nacionalistas galegos eran xulgados e denunciados pola familia Franco en pleno século XXI, o Goberno español (do PSOE) xa lle concedera ao neto do ditador un título nobiliario. Cando militantes nacionalistas asaltaban á brava o pazo de Meirás para popularizar e internacionalizar ese conflito, o PP negábase a asumir a devolución do pazo, e o PSOE estaba disposto a que, de se facer, a familia Franco podería ser indemnizada. Isto era o que había.

PS: Dúas conclusións. A primeira é que só a presión popular e política dende Galiza foi quen de forzar a recuperación do pazo de Meirás e de mudar as posicións das forzas políticas españolas. A segunda: o franquismo segue vivo, como mínimo, na estrutura militar e xudicial do Estado español, e tamén en moitas mentes. E que razón ten Carlos Babío cando afirma que non son 50 anos de liberdade. Son 50 anos de impunidade.