Cantareiras e Letras Galegas

Cos meus parabéns pola distinción recibida, a ocasión é boa para lembrar que as Letras Galegas dedícanse ás letras galegas. Fonda observación que ven a conto do estendido costume de cantareiras e pandeireteiras de introducir letras castelás no seu repertorio, na crenza de tratarse de música tradicional galega. Pode que a música en parte o sexa, pois os ritmos de xota, vals ou fandango son compartidos, pero non hai máis que atender ás letras, no léxico, na sintaxe e na temática, para darse conta de que non teñen nada que ver co país. Imposible imaxinarse a xente nosa do rural do século XX para atrás compoñendo ou mesmo recitando semellantes pezas mentres mallan, sementan, esfollan o millo ou agardan no muíño, cando descoñecían case por completo o castelán.

Pode que algunhas as recollesen nas migracións anduriña por Andalucía e Castela, pero tratábase, por tanto, de letras populares deses lugares traídas ata aquí desde fóra, e ocasionalmente adaptadas aos ritmos populares galegos, pois é ben sabido que as letras das muiñeiras, por exemplo, son intercambiables. E o feito de que en Galicia se chegasen a cantar esas cantigas (seguramente de maneira excepcional) non admite clasificalas como tradicionais galegas, da mesma maneira que non o é a música anglo-saxoa, por moi popularizada que estea hoxe.

Ese mundo das cantigas populares, tan común outrora nas eiras e aínda hoxe nos bares, era ata hai pouco un dos terreos de resistencia do galego; todo o mundo, chegado o momento, cantaba aires tradicionais, en galego. Algúns moi comúns e socorridos (Ondiñas veñen, O Rodaballo, a do gato metido nun saco etc.), outros máis escollidos; todos integrando ese patrimonio riquísimo que posuímos.

Por iso, a introdución de letras castelás é un torpedo na liña de flotación do noso idioma.