'Todos somos animais quando caímos'. Drago Jančar en Lisboa
Drago Jančar estivo en Lisboa, entre o 20 e o 26 de Febreiro, para participar en dous estimulantes debates entorno da sua multipremiada obra, organizados polo Leitorado de Lingua e Cultura Eslovenas/Centro de Estudos Eslavos e a Embaixada da Eslovenia, en colaboración coa Cátedra de Estudos Galegos e a editora Tinta da China. Foi ocasión para presentar a primeira traducción portuguesa deste autor, unha colección de contos intitulada O aluno de Joyce.
A literatura eslovena ofrece aos leitores galegos nutritivas experiencias. No longo período que media entre o século X (o tempo dos primeiros testemuños escritos) e o ano de 1991 - cun “Rexurdimento” oitocentista, liderado polo poeta nacional France Prešeren (1800-1849) - os eslovenos permaneceron sempre privados de Estado propio. Non deixaron de acumular, porén, un dos acervos literarios máis enérxicos da Europa Central.
Cada um dos dez contos incluídos neste libro é eximio nunha economía de relámpago narrativo, disparando cara a imaxinación do leitor brevísimas páxinas, cunha precisión e contención análogas á das Armas Secretas de Julio Cortázar, ambos moi atentos á vida cotiá, fulminada por desvios súbitos, mínimos, violentos. Mas a prosa veloz, absorvente, do autor esloveno filíase sobre todo nas correntes da potente tradición narrativa rusa, de modo explícito (Mikhail Bulgákov, p. 41) ou implícito. A mestría de Antón Chéjov subxaz na súa fina observación dos movimentos máis contradictorios e sutís da alma humana, como no micro-estudo da (falsa) bondade da personaxe do médico ruso que curaba escrupulosa e abnegadamente as doenzas dos labregos eslovenos mas que non estaba en absoluto interesado neles como persoas.
Os leitores, tomados por inteiro, somos firmemente levados da man por este narrador, poderoso na técnica, dono de unha afiada ironía volteriana, que analiza con distancia descritiva o horror, mas que ao mesmo tempo se nos aparece misteriosamente exposto e alquebrado polas traxedias que enumera. Con él penetramos espazos moi densos, convivemos con figuras en queda da historia da Ex-Jugoslávia, tanteando feridas ainda abertas do período subsecuente á Segunda Guerra Mundial, entre alargadas sombras oriundas do imperio soviético (“Morte em Santa Maria das Neves”). Outras personaxes ilustran como a intelixencia mais racional e práctica pode ser absolutamente cega, engolida por un instante ínfimo, tomada da atracción polo abismo (o conto Ultima creatura situado nos submundos de Nova York). As suas incursións pola historia europea incluen Santiago de Compostela, ainda que apenas como nome do destino da peregrinación macabra do nobre esloveno Ulrik de Celje nun dos contos que colindan de perto coa literatura de terror (“Imagem de Castela”), como tamén sucede no relato dedicado ao croata neonazi que coleccionaba ollos das súas víctimas (“História de olhos”).
A traducción portuguesa leva a impronta segura e sabia de Mateja Rozman, coa habitual revisión cuidada de Américo Meira. A profesora Rozman, recoñecida tradutora literaria, recentemente premiada pola súa actividade como responsábel do Leitorado de Esloveno na FLUL, ten promovido varias iniciativas que abordan afinidades e diverxencias exemplares entre a historia da lingua e literatura eslovena e galega, en colaboración coa Cátedra de Estudos Galegos da mesma institución lisboeta.
O leitorado, vinculado á Universidade de Liubliana, usufrúe de grande apoio por parte de institucións públicas eslovenas, como comproba a vinda a Lisboa de Vesna Humar, Secretaria de Estado na Diáspora, convidada por Moja Nemec van Gorp, Embaixadora da Eslovenia, recebida por Hermenegildo Fernandes, actual director da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa.
Os escritores Alberto Manguel, que propuxo esta traducción para a serie que leva o seu nome na referida editora, e José Manuel de Vasconcelos participaram nos referidos debates que decorreran no ámbito da celebración dos 20 anos do Leitorado na Faculdade de Letras e no forum da FNAC da Baixa-Chiado, concluídos nun encontro no Gremio Literario da capital portuguesa.
No volume agora traducido, os leitores galegos encontrarán unha vixilancia necesaria contra varias formas de idealización da historia patria e da terra nacional, “terra... misteriosa, talvez mais do que a carne e o sangue” dos homes que a habitan (“História de olhos”, p. 108). A lingua e a memoria, obxecto de coidados intensos, severos e constantes, non se entenden aqui à marxe do poder potencialmente malévolo e contradictorio de toda a linguaxe e de toda a condición humana, especialmente cando ela se activa nun tempo confuso de causas políticas urxentes (“O aluno de Joyce”, “Augsburgo”).
En palabras do célebre escritor portugués Gonçalo M. Tavares, no luminoso Prefácio que enriquece esta traducción - antesala do prazer concentrado e sutil que proporcionan os dez contos - nas personaxes en queda deste libro nos encontramos todos. Na verdade, somos todos animais quando caímos (p. 5).