Xesús García elixido novo secretario nacional da FGAMT-CIG

Xesús García, primeiro pola esquerda, cos integrantes da executivo da FGAMT-CIG na sesión de clausura do congreso. (Foto: Nós Diario)

O VI congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar Transporte e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG elixiu este sábado por unanimidade a Xesús García Couso como novo secretario nacional.

O VI congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar Transporte e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG desenvolveuse en Compostela baixo o lema ‘A forza da nosa clase. Traballo, dereitos, soberanía" coa participación de perto de 100 delegados e delegadas.

A executiva da FGAMT dirixida por Xesús García Couso está conformada por Mar Vila, Inacio Pavón, Laura Díaz, David Couñago, Jorge Meira e Dores Martínez, quen ocupou nestes últimos 12 anos a máxima  responsabilidade da federación.

Precisamente, Xesús García comezou a súa intervención recoñecendo o traballo de Dores Martínez. Ao tempo, salientou o incremento en afiliación e en representación da  FGAMT, convertida " ao igual que a CIG, na primeira forza sindical no conxunto do país".

O novo secretario nacional da  FGAMT incidiu na necesidade de afondar "na formación político sindical das persoas delegadas e  liberadas" para afrontar coas máximas garantías o traballo sindical e os distintos conflitos laborais e sociais.

"A formación", recalcou García "é fundamental para afrontar nas mellores condicións o moito traballo sindical que temos no día a día das empresas e nos distintos procesos de negociación nos que participamos".

García destacou que "é necesario contar con ferramentas, non só técnicas, á hora de exercer a representación sindical e de levar adiante os procesos de negociación nos centros de traballo para poder facelo de xeito máis eficaz e sempre en coordinación coa federación".

"Sen conflito non hai paraíso"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, puxo remate ao congreso da FGAMT sinalando que "sen conflito non hai paraíso", unha afirmación que "sintetiza a importancia que o modelo sindical da CIG lle outorga á loita e á mobilización para conquistar dereitos e políticas alternativas ante os Gobernos e a patronal”.

Carril apostou por un reforzamento organizativo do sindicato "baseado nun permanente compromiso militante, superando funcionamentos burocratizados e garantindo o protagonismo da clase obreira".