O TXUE advirte de que o Estado español non garante sancións eficaces contra os contratos temporais "abusivos" no sector público
A xustiza europea cuestiona que as medidas previstas no Estado español sexan suficientes para frear o abuso da temporalidade no sector público, mentres o Tribunal Supremo deberá avaliar se a normativa se axusta ao dereito comunitario.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea advertiu de que as medidas previstas no Estado español para sancionar o uso abusivo de contratos temporais sucesivos no sector público non parecen axustarse ao dereito da Unión, ao non garantir unha resposta eficaz fronte a este tipo de prácticas.
Nunha sentenza publicada esta etrza feira, o tribunal europeo responde a unha cuestión prexudicial formulada polo Tribunal Supremo sobre se a normativa española inclúe mecanismos adecuados para previr e corrixir estes abusos, en liña coa lexislación comunitaria.
O alto tribunal sinala que a conversión destes contratos nunha relación laboral indefinida non fixa non constitúe unha medida suficiente, xa que mantén ás persoas traballadoras nunha situación de temporalidade e non asegura a estabilidade no emprego.
Tampouco considera adecuada a indemnización prevista en caso de extinción da relación laboral, ao entender que non sempre permite reparar de maneira efectiva as consecuencias do abuso, especialmente cando se trata de situacións prolongadas no tempo.
En canto ao réxime de responsabilidade das administracións públicas, o tribunal apunta que pode resultar insuficiente se non se basea en criterios claros e previsíbeis e non vai acompañado doutras medidas efectivas e disuasorias.
Así mesmo, o TXUE cuestiona que a convocatoria de procesos selectivos que valoran a experiencia previa sirva para corrixir estes abusos, xa que non garante que as persoas afectadas obteñan unha praza nin evita que a situación se prolongue.
En todo caso, o tribunal europeo lembra que corresponde ao Tribunal Supremo avaliar se a normativa española cumpre cos requisitos do dereito da Unión e resolver o litixio concreto.