O TSXG condena a produtora de Roberto Vilar por despedir de forma improcedente un guionista de 'Land Rober'
Segundo informou esta cuarta feira eldiario.es, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenou Destino Bergen, a produtora do presentador Roberto Vilar e coprodutora de Land Rober, a aboar máis de 40.000 euros a un guionista despedido en 2024. A sentenza, xa firme, conclúe que o despedimento foi improcedente e recoñece tamén diferenzas salariais derivadas do incumprimento do convenio.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenou a produtora do humorista e presentador Roberto Vilar, Destino Bergen, a indemnizar con máis de 40.000 euros un antigo guionista do programa Land Rober-Tunai Show, segundo informou esta cuarta feira eldiario.es. A resolución ratifica que o traballador foi despedido de forma improcedente en 2024 e recoñece tamén que percibía un salario inferior ao estabelecido polo convenio estatal do audiovisual.
O afectado formaba parte do equipo de catro guionistas cos que contaba o espazo da Televisión de Galiza. Segundo recolle o citado medio, tres dos profesionais encargábanse da elaboración dos sketches humorísticos, mentres unha cuarta persoa redactaba os textos de continuidade do programa.
Aínda que o denunciante desenvolvía tarefas propias da creación de ficción e escenas cómicas, o traballador estaba contratado desde 2021 coa categoría de guionista de non ficción, unha clasificación profesional que contempla retribucións inferiores ás previstas para os guionistas de ficción.
Pola súa parte, a empresa xustificou o despedimento do traballador por causas organizativas, aínda que admitiu desde o inicio o seu carácter improcedente. O argumento esgrimido foi a redución do número de sketches cómicos por programa, que pasaron de tres a dous.
En declaracións recollidas por eldiario.es, o avogado Raúl Curto, representante legal do sindicato de guionistas ALMA, sostén que a decisión empresarial estivo vinculada á entrada en vigor das novas táboas salariais do convenio. Segundo explicou, estas incluían a actualización retroactiva dos soldos desde 2022, o que supuña un incremento dos custos laborais para a produtora.
En xullo de 2024, cando foi despedido, o guionista percibía un salario bruto mensual de 3.415,39 euros. Porén, de acordo co convenio aplicábel, e sempre segundo a información difundida por elDiario.es, a retribución correspondente a un guionista nun programa do orzamento de Land Rober ascendía a 4.172,53 euros mensuais. Mesmo a actualización retroactiva fixada para 2022 estabelecía unha remuneración mínima de 3.673,81 euros, por riba do salario que estaba a percibir.