O transporte de viaxeiros mobilízase na Coruña para reclamar melloras salariais e de seguridade
Sindicatos avanzan catro xornadas de paros en decembro e non descartan unha folga indefinida tras o Nadal.
Representantes do sector do transporte de viaxeiros por estrada na Coruña mobilizouse esta segunda feira, 10 de novembro, para reclamar unha negociación do convenio colectivo con melloras salariais e sociais.
"Vai haber un problema de mobilidade para a cidadanía en decembro, con catro xornadas de folga –aínda en datas por determinar–", avanzou o representante da CIG na mesa de negociación, Ernesto López, en declaracións aos medios. "E se non funciona, á volta de Nadal exponse a unha folga indefinida", advertiu, ante unha situación que afecta o transporte regulado polo convenio provincial de viaxeiros da Coruña.
Uns 200 delegados e delegadas do sector, convocados polos sindicatos CIG, UXT e CCOO, percorreron as rúas da cidade herculina desde as 11 horas tras unha pancarta co lema "Respecto e saúde laboral para o condutor profesional", en referencia ao persoal condutor de autobuses que reclama un convenio digno.
A marcha percorreu as rúas desde a estación de autobuses ata en Entrexardíns, nunha manifestación de máis dunha hora con cortes de tráfico e sen incidencias. "A Xunta ten que tomar cartas neste asunto antes de que o problema estale", esixiu López para recalcar que "se hai un parón na mobilidade, os responsábeis son eles, non se poden poñer de perfil, teñen que mediar neste conflito".
A respecto desta intermediación, o representante da CIG denunciou que "a última negociación é de fai sete anos" e o convenio "está obsoleto, leva cinco caducado". "Hai que adaptalo ás novas reformas do estatuto, hai moitas cousas que modenizar", incidiu.
Reclamacións
Entre as demandas que exixe o sector, os sindicatos citan a necesidade de pórlle fin a xornadas laborais "maratonianas" e implantar "uns mínimos de seguridade que teñen que ser pactados", así como que "se limite o tempo a dispoñibilidade". "Traballas sete ou oito horas e estás a disposición 15, tirado polas paradas", sinalou Ernesto López.
Ademais reclamou unha subida salarial "digna". "O IPC ten que estar garantido, en vista de que está totalmente desbordado, máis un diferencial que se pacte, non lle poñemos agora números", explicou tras expoñer que na actualidade o salario medio para un condutor sen antigüidade "é de 1.300 euros". "A responsabilidade é grande e o salario é pequeno", criticou para lamentar que "a patronal expón un 1,2% de subida salarial que é practicamente unha convocatoria de folga".