Traballadores reclaman en Lugo máis seguridade viaria tras o accidente mortal da A-8
Case un cento de persoas concentráronse diante da Demarcación de Estradas do Estado español para homenaxear os operarios falecidos e esixir protocolos máis estritos, mellor planificación e maior investimento en prevención para evitar novos sinistros laborais.
Perto dun cento de persoas concentráronse este 13 de febreiro diante da Demarcación de Estradas do Estado español en Lugo para lembrar os traballadores falecidos e feridos na A-8 e reclamar medidas urxentes que garantan a seguridade do persoal de conservación e mantemento de estradas. Á convocatoria asistiron compañeiros dos operarios falecidos e dos dous feridos —un deles continúa na UCI e o outro xa recibiu a alta—, así como traballadores doutros cadros de persoal do sector. Durante a concentración, celebrada fronte á entrada do edificio, leuse un manifesto cun marcado carácter de homenaxe no que tamén se reclamou “dignidade laboral”.
Desde CC.OO. subliñaron o seu “respecto e solidariedade” cos compañeiros falecidos e coas súas familias, ao tempo que reivindicaron o recoñecemento dunha profesión “imprescindíbel e a miúdo pouco valorada”. Durante o acto reclamaron medidas efectivas e verificábeis e advertiron de que o persoal de mantemento non pode continuar traballando exposto a situacións de risco evitábel. “A seguridade é un dereito, non un extra”, aseguraron, lembrando que ningunha obra nin ningún prazo xustifican a perda dunha vida.
O acto celebrouse quince días despois do grave accidente ocorrido o pasado 30 de xaneiro, cando dous operarios de mantemento de estradas perderon a vida ao seren arroiados por un camión guindastre que chocou contra a furgoneta na que traballaban. Outro dos operarios resultou gravemente ferido e evoluciona dentro da gravidade, mentres que un cuarto traballador foi dado de alta pouco despois.
O sindicato insistiu en que se trata dun traballo esencial e de alto risco, unha realidade que, ao seu xuízo, “é preciso visibilizar”. Neste senso, sinalaron que os operarios están expostos con frecuencia á circulación de vehículos a velocidades incompatíbeis coa presenza de persoal na calzada, ademais de a condicións meteorolóxicas adversas que non sempre quedan reflectidas nas alertas oficiais.
Durante a concentración, CC.OO. reclamou unha revisión profunda dos protocolos de seguridade e anunciou que xa solicitou unha reunión coa Demarcación de Estradas de Galiza para trasladar unha batería de propostas orientadas a reducir o risco e evitar que se repitan sucesos tan graves como os rexistrados na A-8.
Entre as principais demandas figura a necesidade de analizar a meteoroloxía adversa máis alá das alertas emitidas polos organismos oficiais. O sindicato advertiu de que fenómenos como a néboa, especialmente frecuente e perigosa na A-8 e noutras vías galegas, non sempre aparecen reflectidos con precisión nos avisos, podendo producirse situacións de visibilidade nula mesmo con alertas de baixo nivel. Por iso, reclaman protocolos que teñan en conta criterios reais de visibilidade e risco, con capacidade para adaptar ou mesmo suspender os traballos cando as condicións o aconsellen.
CC.OO. tamén defendeu o corte total de carrís e o desvío do tráfico nas intervencións con maior exposición ao risco, co obxectivo de eliminar a posibilidade de atropelos ou impactos de vehículos contra o persoal. Outra das reivindicacións expostas foi un maior investimento no mantemento preventivo das estradas, priorizando traballos planificados fronte ao modelo actual, baseado en actuacións urxentes, pouco programadas e con prazos moi axustados.
Neste contexto, o sindicato reclamou que a seguridade dos operarios prevaleza sempre sobre a rapidez na execución das obras. Tamén pediu reforzar a vixilancia e supervisión por parte da Demarcación de Estradas, apostando pola detección anticipada das necesidades das vías e por unha mellor planificación que reduza as intervencións de carácter urxente. Finalmente, a central sindical reclamou un maior investimento en formación específica para o persoal, con cursos máis especializados e o uso de simuladores COEX que permitan mellorar a preparación ante situacións de risco.