Traballadoras do SAF de Ponteareas, en folga indefinida, sacan a súa protesta "en procesión"
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas (O Condado), en folga indefinida desde a pasada sexta feira en resposta aos "graves incumprimentos" da empresa concesionaria, deu un paso máis para dar a coñecer as súas reivindicacións.
Esta segunda feira, as traballadoras participaron da procesión que percorreu as rúas da localidade con motivo das festas de San Miguel.
Desde a CIG lembran que o Goberno local, do PP, adxudicou a xestión do servizo por 6,5 millóns de euros a unha empresa privada "a cambio de escravizar as traballadoras para obter máximo beneficio". Subliñan que en cinco anos o SAF pasou por mans de catro compañías distintas —Clece, Samaín, Aralia e agora Óbolo—, sempre con problemas crecentes.
A central sindical denuncia que levan anos reclamando o pagamento puntual das nóminas, o abono de todas as horas traballadas, contratos a tempo completo, descansos legais e medidas de prevención. Aseguran que no último pleno municipal advertiron de que a licitación non garantía condicións dignas e que Óbolo acumulaba conflitos noutros puntos do Estado español.
Seis meses despois da adxudicación, afirman que a empresa "nin sequera visitou Ponteareas". O persoal, denuncia a CIG, continúa sen rexistro de xornada, sofre atrasos salariais, erros de cálculo, falta de cotización polas pagas extra e altas demoradas até quince días. Carecen, ademais, de plan de prevención e de material básico como luvas.
A situación esténdese tamén a provedores, con atrasos nos pagamentos que "poñen en risco a continuidade do servizo". Engaden que non se atenden as queixas das persoas usuarias e "a empresa non responde da súa xestión diante do Servizos Sociais do Concello".
Traballo por incentivos
Pola súa parte, e logo de que traballadoras do SAF se manifestaran a pasada sexta feira tanto no exterior como no interior do consistorio ponteareán, desde o Concello trasladaron que se alcanzou un acordo coa empresa concesionaria, Óbolo, para pór en marcha, a partir do 1 de outubro, un "programa piloto de incentivos económicos dirixido ao persoal deste servizo".
O obxectivo é "recoñecer o traballo e esforzo diario das traballadoras e traballadores, ao tempo que se reforza a calidade da atención ás persoas usuarias". O plan contempla, explican nun comunicado, unha "retribución adicional de até 118 euros mensuais por traballadora ou traballador que preste de maneira efectiva o servizo". Isto é, as traballadoras e os traballadores do SAF de Ponteareas traballarán por incentivos, sen que o Concello dera conta aínda dos criterios que se terán en conta para considerar que o persoal realiza ben o seu traballo para merecer esa "retribución adicional".
Entre as medidas que o Concello acordou con Óbolo, sen antes —nin despois— consultalo co persoal do servizo, denuncian desde a CIG, figuran o aboamento das nóminas antes do día 1 de cada mes, ou a subministración de teléfonos para "mellorar a organización do traballo". Será a empresa, din desde o Goberno que dirixe Nava Castro, a encargada de informar previamente a representación sindical das traballadoras e traballadores antes da entrada en vigor do programa
Trátase dun acordo que "xa está pechado", mais segundo explican desde a CIG, non recolle nada do que reclama o persoal. "En ningún momento se falou de melloras salariais, e en realidade o que máis urxe é seguridade nos seus postos de traballo".