Traballadoras das residencias privadas denuncian explotación laboral na terceira xornada de folga

Mobilización de persoal das residencias privadas, esta cuarta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
"Máis do 60% das traballadoras do sector teñen salarios por debaixo do SMI", denuncian desde a CIG.

As traballadoras de residencias privadas de maiores e centros de días secundaron esta cuarta feira o terceiro día de folga en demanda dun convenio digno. A pesar das limitacións que implican "os 'servizos máximos' de 100% decretados pola Xunta da Galiza", a CIG-Servizos valorou de modo "moi positivo" o desenvolvemento do paro e a participación nas distintas mobilizacións realizadas na Coruña, Cabanas (Eume), Narón (Ferrolterra), Lugo, Compostela, Vigo, Ourense e Vilagarcía de Arousa e Ribadumia (O Salnés).

Neste contexto, o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, destacou ademais que o persoal que non puido exercer o seu dereito á folga "saíu a concentrarse ás portas dos centros de traballo durante as pausas para amosar o apoio ás reivindicacións".

Alén das mobilizacións coincidindo co terceiro día de folga, a CIG tamén ten convocada unha concentración esta quinta feira, 8 de maio, diante do Concello de Vimianzo (Terra de Soneira), aproveitando que no concello é día de mercado. Na protesta participarán traballadoras das residencias privadas e centros de día das comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños e Fisterra.

"A patronal, desaparecida"

"Malia a disposición das traballadoras a loitar por unhas condicións xustas, a patronal teima no seu silencio e continúa sen retomar as negociacións dunha mesa que non se reúne desde o pasado mes de outubro", engadiu Naya. Por iso, o sindicalista adiantou que, de non existir avances, o 21 de maio haberá unha nova xornada de folga.

De igual modo, Naya criticou con dureza a postura mantida pola Xunta da Galiza, "que nin se quere reunir coa CIG, nin tampouco intermedia para desbloquear o conflito". Neste liña, o representante sindical subliñou que as demandas das traballadoras son "tan básicas" como ter unhas táboas salariais acordes ao salario mínimo, avanzar na redución da xornada –agora de 40 horas–, ampliar as coberturas nas baixas ou que sexan compensados os festivos.

Salarios de "miseria" e condicións "precarias"

Nesta liña, Naya subliña que as demandas das traballadoras son "tan básicas" como ter unhas táboas salariais acordes ao SMI, avanzar na redución da xornada laboral —que actualmente teñen fixada nas 40 horas semanais cando xa está a  debate a xornada de 37,5 horas—, ampliar as coberturas nas situacións de IT ou que se compensen os festivos.

“Máis do 60% das traballadoras do sector teñen salarios por debaixo do SMI, denuncia Naya, por iso reclama que, como mínimo, se cumpra co que estabelece a lexislación “e a partir de aí, mellorar as retribucións para poder comezar a falar dun convenio digno. Porque ademais hai que ter en conta que se trata dun sector esencial para a sociedade, pero pouco valorado”, e no que as grandes empresas obteñen "beneficios millonarios".

Naya advirte de que esta precariedade laboral se estende á calidade asistencial que se presta ás persoas residentes e usuarias, tanto nos centros puramente privados como nos de titularidade pública pero coa xestión privatizada. “Traballan con persoas mais a organización é como a dunha fábrica, cos tempos moi limitados para darlle os coidados e a atención a cada persoa, e cunhas ratios obsoletas que obrigan a soportar unha sobrecarga de traballo constante”.

Este esforzo físico e mental permanente repercute na saúde das traballadoras que se atopan “exhaustas, cansas e fartas”. E aínda así “van enfermas a traballar para que non lle apliquen os descontos nos seus raquíticos salarios, xa que non teñen complementadas as baixas ao 100%”.

Neste contexto, as traballadoras son conscientes que só a través da loita e da mobilización conseguirán mellorar os seus dereitos e avanzar no camiño da equiparación coas condicións que xa ten o persoal das residencias públicas de xestión directa.