O Supremo confirma a condena do TSXG a CCOO por vulnerar o dereito de folga mais rebaixa as indemnizacións

Bandeiras de CCOO. (Foto: Nós Diario)
O alto tribunal galego, sinalou que CCOO vulnerara o dereito á folga porque cominou o seu persoal mediante requirimentos a cesar na súa actividade de folga e a fixar uns servizos (non mínimos) unilateralmente.

O Tribunal Supremo (TS) confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que condenou o sindicato CCOO por vulnerar o dereito de folga de 15 avogados e graduados sociais do seu departamento xurídico, mais acordou minorar a indemnización para cada un, de 25.000 a 7.501 euros.

O alto tribunal galego, sinalou que CCOO vulnerara o dereito á folga porque cominou o seu persoal mediante requirimentos a cesar na súa actividade de folga e a fixar uns servizos (non mínimos) unilateralmente.

Tras a sentenza, o sindicato presentou recurso de casación e foi estimado parcialmente, de maneira que o TS mantén a resolución do TSXG en todos os seus pronunciamentos, excepto no importe das compensacións económicas a cada demandante, mentres que desestimou o recurso presentado polo persoal.

Con respecto ao sindicato, este alegou que se produciu indefensión pola insuficiencia dos feitos probados na sentenza recorrida, e que esta resolución non reflicte o obxectivo perseguido polos requirimentos enviados ao persoal, uns requirimentos que pretendían "garantir a seguridade das persoas e das cousas, e realizar calquera outra atención precisa para a continuación, tras a folga, da actividade empresarial".

Mais o Tribunal Supremo sostén que a sentenza recorrida "non incorre nesta omisión" e que non se aprecia "insuficiencia de feitos probados", entre outros argumentos. Por iso, rexeita decretar a nulidade das actuacións e tamén rexeita a revisión de varios feitos probados ou a adición dun novo feito, reclamada polo sindicato. Por outra parte, o TS considera "desproporcionada" a indemnización fixada polo TSXG e sinala que a axustada a dereito sería de 7.501 euros para cada demandante.

Recurso do persoal

Con respecto ao recurso do persoal, o Supremo concorda coa valoración do TSXG, e sinala que, aínda que se vulnerou o dereito á folga, non se vulnerou o dereito á liberdade sindical, ao non quedar acreditada a falta de apoio do sindicato por ter intereses contrapostos. Ademais, sinala que tampouco se vulnerou a dignidade nin a integridade moral do persoal, porque non se probou que houbese ameazas ou intimidación por parte do sindicato.