Estas son as claves das mudanzas no pagamento das cotas de autónomos para o ano 2025
O despregamento do novo sistema de cotización de autónomos en función dos ingresos reais continuará desenvolvéndose en 2025, no que as persoas traballadoras por conta propia que coticen pola base mínima pagarán á Seguridade Social cotas mensuais que irán desde os 200 até os 590 euros, dependendo dos seus rendementos netos.
Este sistema de cotización, acordado coas principais organizacións de autónomos, arrincou a principios de 2023 e conta cun período de transición de nove anos, até 2032. Consta de 15 tramos de cotas que este ano, tomando como referencia a base mínima, oscilaron entre os 225 euros e os 530 euros, e que en 2025 farano desde os 200 aos 590 euros mensuais.
Para o ano 2026, os interlocutores sociais terán que pactar os tramos para os próximos anos, até 2032, previa análise de como foi o sistema nestes primeiros exercicios de funcionamento.
O persoal autónomo ten a posibilidade de cambiar de tramo cada dous meses, cun total de seis mudanzas ao ano, para adaptar a cotización ás previsións de ingresos en cada época e da súa actividade profesional.
Ademais, os rendementos netos calcúlanse deducindo dos ingresos todos os gastos producidos no exercicio da actividade e que sexan necesarios para a obtención de ingresos do autónomo.
Sobre esa cantidade, aplícase adicionalmente unha dedución por gastos xenéricos de 7% –3% para os autónomos societarios–. O resultado é a cifra que determinará a base de cotización e a cota correspondente.
Así mesmo, o persoal autónomo debe informar á Seguridade Social da súa previsión de ingresos para o ano, aínda que pode axustar a súa cotización até seis veces durante o exercicio no caso de que estes ingresos experimenten variacións importantes.
Ao final do exercicio fiscal e unha vez coñecidos os rendementos netos anuais, regularizaranse as cotizacións, devolvéndose ou reclamándose cotas no caso de que o tramo de rendementos netos definitivos estea por baixo ou por encima do indicado polas previsións durante o ano.