Persoal dos servizos sociais da Xunta inician mobilizacións contra os recortes laborais que acumulan desde 2012

Concentración do persoal da residencia Volta do Castro, en Compostela.
As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UXT denuncian o recorte de dereitos laborais que persoal esencial durante a crise da COVI-19, dependente da Consellaría de Política Social, sofre desde o ano 2012.

"Pola recuperación dos dereitos recortados dende o ano 2012". Baixo este lema, os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT mobilizan o persoal empregado público que traballa nos centros de atención directa a usuarios dependentes da Consellaría de Política Social para defender as súas reivindicación laborais.

Os representantes das traballadoras censuran que a Administración galega se negue a devolverlles os dereitos suprimidos desde o ano 2012 mais tamén que rexeite sentarse a negociar a recuperación das perdas laborais acumuladas durante os últimos oito anos.

Demandas

Por iso, de forma conxunta, anuncian un calendario de mobilizacións que se vai prolongar durante o mes de xuño para reclamar "unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade, o incremento de prazas públicas e de xestión directa, a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados, a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa, a posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria mais a mellora das condicións laborais".

Os sindicatos cuestionan que, no canto de devolverlle ao persoal das residencias de maiores, dos centros de menores e de centros de atención á dependencia que durante a crise sanitaria do coronavirus "actuou desde o primeiro momento con máxima dedicación e compromiso para intentar frear a afección da pandemia", a Consellaría de Política Social demostrou "unha actitude impositiva e autoritaria" mantendo os recortes nas súas condicións laborais.

CIG, CCOO, CSIF e UXT chaman a concentrarse cada quinta feira do mes de xuño entre as 11.00 a 11.30 horas diante de tódolos centros de atención directa a usuarios da Consellería de Política Social.