O sector dos coidados irá de novo á folga o 4 de novembro para reclamar condicións dignas nas residencias e nos SAF

Mobilización das traballadoras do SAF e das residencias da terceira idade o pasado 11 de setembro en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A CIG-Servizos convoca tamén mobilizacións en sete localidades galegas para denunciar a precariedade e a falta de avances nos convenios colectivos.

O persoal do sector de coidados, que inclúe residencias de maiores, centros de día privados e Servizos de Axuda no Fogar (SAF), está chamado a unha nova xornada de folga a terza feira 4 de novembro. A mobilización, convocada pola CIG-Servizos, busca dignificar as condicións laborais das traballadoras e garantir unha atención de calidade ás persoas dependentes.

A central sindical organizará tamén concentracións e manifestacións en sete cidades e vilas do país —A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ponteareas— nunha nova fase da campaña de mobilizacións iniciada en setembro, que leva xa seis paros de 24 horas. Aliás, persoal do SAF de Ponteareas (O Condado) suma xa 36 días de folga indefinida polos "graves incumprimentos da empresa concesionaria e a desidia do Goberno local".

Segundo a CIG, a situación do sector é "insostíbel" pola parálise das negociacións dos convenios colectivos, a falta de vontade das patronais e a "complicidade" da conselleira de Política Social, Fabiola García, "a pesar de que a Xunta da Galiza é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes”.

"Os SAF levan desde 2012 sen convenio e as residencias desde 2023, polo que o persoal do sector padece condicións de precariedade e baixos salarios dende hai anos", denuncian desde o sindicato.

Denuncia dos orzamentos e da "mercantilización dos coidados"

A CIG alerta ademais de que o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2026 "non prevé o incremento necesario para dotar de condicións dignas o sector" e permite reaxustes de partidas millonarias, como o recente recorte de 17 millóns de euros na dotación dos SAF.

Por iso, a central comprométese a seguir apoiando as "xustas reivindicacións das milleiros de traballadoras", maioritariamente mulleres, e exixindo o fin da "mercantilización dos coidados".

A CIG reclama tamén a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que integre residencias, centros de día, servizos de Axuda no Fogar, atención á diversidade, Casas Niño, Casas do Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado, dotado de infraestruturas, recursos humanos e un convenio único que garanta a igualdade salarial e de dereitos.

Ademais das folgas, o persoal do sector continúa a protagonizar mobilizacións e accións simbólicas en actos institucionais. Esta mesma sexta feira, un grupo de traballadoras manifestouse en Ferrol durante o acto de entrega á Xunta dun centro residencial financiado pola Fundación Amancio Ortega, ao que asistiron o presidente Alfonso Rueda e a conselleira de Política Social, para denunciar que o novo centro será xestionado por unha empresa privada.

Críticas ao protocolo de protección nos SAF

A CIG-Servizos tamén criticou o novo protocolo de protección para o persoal dos SAF, presentado recentemente polo presidente da Xunta. O sindicato considera que o documento "non incorpora medidas reais nin efectivas para garantir a saúde física e mental das traballadoras", e que foi elaborado "pensando nas empresas máis que no persoal".

A central presentará propostas alternativas na xuntanza convocada pola Fegamp para o mesmo 4 de novembro, coincidindo coa xornada de folga. Lembra que a reunión convocouse a petición da CIG tras coñecer que o presidente galego adiantara o contido do protocolo sen pasalo pola mesa de traballo nin polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza.