Sanidade e sindicatos chegan a un acordo para aprobar un novo Estatuto Marco

A ministra de Sanidade, Mónica García. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O documento, un texto "moi complexo", segundo a ministra de Sanidade, levaba sen renovarse 22 anos.

O Ministerio de Sanidade e varias organizacións sindicais (Satse, CCOO, UXT e CSIF) alcanzaron un acordo esta segunda feira para aprobar o texto do anteproxecto de lei do Estatuto Marco, que agora deberá pasar polo Consello de Ministros e Ministras e continuar coa súa tramitación parlamentaria.

"Hoxe asinamos o acordo para o novo Estatuto Marco. Foron moitas reunións e un texto moi complexo que levaba sen renovarse 22 anos", manifestou ao respecto a ministra de Sanidade, Mónica García, quen engadiu que finalmente no acordo non estará a CIG-Saúde.

O sindicato nacionalista argumenta que o texto presentado non cumpre cos obxectivos marcados pola CIG-Saúde. No referente á xubilación, o novo Estatuto recolle a xubilación parcial mais, defende a central, "sen garantir a súa aplicación, e a xubilación anticipada queda supeditada a futuros cambios legais dependentes da vontade doutros ministerios e a unha futura negociación dos coeficientes redutores". Neste sentido, denuncia que "é inaceptábel deixar no aire a xubilación parcial e anticipada, que é unha débeda histórica para o persoal da sanidade pública".

En relación coa clasificación profesional, a CIG-Saúde valora positivamente o resultado da negociación no plano administrativo, mais rexeita "de maneira rotunda" que "esta non vaia acompañada de melloras retributivas". O persoal dos servizos de saúde "leva anos mal clasificado, mesmo por debaixo do estabelecido no EBEP, e esta era unha oportunidade para corrixir esta situación de forma integral. Non podemos aceptar unha clasificación correcta só no papel, sen impacto real nos salarios. Non imos seguir renunciando ao que é noso".

A Ministra volveu propor adiar a cuestión das retribucións a un hipotético acordo futuro, que ademais debería ser ratificado polo Goberno español, sen datas nin garantías sobre a súa aplicación. Para a CIG-Saúde, esta proposta "é inaceptábel, xa que suporía un simple cambio de nomenclatura sen efectos reais para o persoal".

No caso do persoal de investigación, a CIG-Saúde presentou unha ampla batería de propostas que non foron recollidas no texto final. Así mesmo, destacou a central, "a regulación da xornada laboral segue a ser confusa, e aínda que se recollen propostas que melloran a súa regulación básica, seguen quedando aspectos que non responden as demandas das profesionais, como as gardas localizadas que continúan sen ter impacto nin na xornada nin nos descansos do persoal, deixando esta cuestión para futuras negociacións nas Mesas Sectoriais, mais sen estabelecer criterios mínimos comúns".

Por estes motivos, a CIG-Saúde rexeita este acordo sobre o texto do novo Estatuto Marco xa que, conclúe a central sindical nacionalista ao respecto do acordo asinado, "non cumpre coas condicións exixidas en aspectos tan importantes como xubilación, retribucións e xornada".

O Comité de Folga rexeita o acordo

O Comité de Folga composto por sindicatos médicos rexeitou o acordo alcanzado sobre o anteproxecto de lei do Estatuto Marco e confirmou que continuará co seu calendario de mobilizacións, que comezarán o 14 de febreiro cunha manifestación. Así o indicou nun comunicado comité, formado polo Sindicato de Facultativos de Galicia Independentes (O'MEGA), a Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM), o Sindicato Médico Andaluz (SMA), Metges de Catalunya (MC), a Asociación de Médicos e Titulados Superiores de Madrid (AMYTS) e o Sindicato Médico de Euskadi (SME).

Para estes sindicatos, o Ámbito de Negociación non permitiu unha "verdadeira negociación" das reivindicacións da profesión médica, posto que "se sacou adiante a pesar de a oposición do único sindicato profesional de facultativos que sentaba á mesa (CESM), cunha capacidade de acción practicamente anecdótica".

Estes sindicatos consideran que algunhas das afirmacións que se fixeron na rolda de prensa de Sanidade co sindicatos da Mesa do Ámbito non se axustan á realidade. "Como a referencia a que existe un capítulo propio no texto dedicado aos médicos, posto que o que se regula de maneira específica son as gardas e non as condicións laborais dos profesionais", apuntan no comunicado. Así mesmo, subliñan que as gardas se abordaron de maneira "moi insuficiente e discriminatoria" para as reclamacións médicas e facultativas.

Neste contexto, sinalan que a reivindicación principal do colectivo segue sendo a de contar cunha norma propia que permita unha negociación directa "das especiais condicións de formación, desempeño e responsabilidade" de médicos e facultativos, xa que "a reclasificación profesional aprobada non as ten en conta".

Ante esta situación, o Comité de Folga insiste en que o seu calendario de mobilizacións anunciado a semana pasada mantense intacto, animando o persoal médica a mostrar o seu descontento, tanto na manifestación unitaria convocada para o próximo 14 de febreiro en Madrid como nas semanas de folga indefinida que se fixaron para os próximos meses.

Agora, ao Consello de Ministros Ministras

A ministra subliñou que é o acordo "máis amplo" alcanzado nunca para un estatuto destas características no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Así, García resaltou que, tras máis de 60 reunións durante os últimos tres anos, é un día "importante e grande" para o Sistema de Saúde e o seu persoal. "A democracia é diálogo e o demais é ruído, e grazas ao diálogo puidemos chegar até aquí", apuntou.

Agora, o documento pasará en primeira volta ao Consello de Ministros e Ministras, que autorizará o inicio formal da súa tramitación. A partir dese momento, solicitaranse os informes preceptivos aos ministerios con competencias afectadas, entre eles Facenda, Economía, Función Pública e Seguridade Social, e analizarase na Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos (CDGAE).

Posteriormente, será aprobado en segunda volta polo Consello de Ministros e Ministras e remitido ao Congreso para a súa tramitación lexislativa. Neste contexto, García espera que se poida conseguir a aprobación do Estatuto Marco antes de que acabe a actual lexislatura. "Espero que dea tempo. É un texto moi traballado e como xa dixo algunha organización sindical, esperemos que non se desnaturalice